Os montes comunais preservan, en pleno século XXI, o patrimonio galego

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

Ramón Loureiro

O paso do tempo haos convertido en enclaves nos que a paisaxe, a historia e o ecosistema do país están protexidos

20 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

No máis alto da parroquia fenesa de Sillobre, ao sur da ría de Ferrol, atópanse os montes comunais de Marraxón. Trátase dunha superficie de 26 hectáreas, cun ecosistema excepcional, gran riqueza de xacementos arqueolóxicos e centos de metros de muros de pedra seca, desde a que se divisa un das paisaxes máis belas de Galicia.

Contemplar desde o seu punto máis elevado, o Coto do Rei, o océano Atlántico, permite gozar dunha bellísima visión do que os romanos coñecían como Portus Magnus Artabrorum (formado polas rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña). Un territorio ao que don Ramón Otero Pedrayo chamou, tamén de forma moi bela, o Golfo Ártabro.

De lonxe, a Torre de Hércules

«As vistas desde aquí son únicas», di Francisco Tomás Corral Vilar, o presidente dos comuneiros de Sillobre, sinalando, ao lonxe, a Torre de Hércules. E cando fala de vistas non se refire só ao litoral atlántico, que desde alí se contempla mirando ao oeste, senón tamén da espectacular fraga do río Belelle (a da soada fervenza, situada na fronteira dos municipios de Fene e Neda), que está ás costas dos montes de Marraxón. «Os nosos montes -explica Corral , mentres pasea polas terras comunais coa súa filla, a pequena Oliana- están abertos a todo o mundo. Como pasa en practicamente toda Galicia. Nós, concretamente, aquí en Sillobre xamais pensamos en sacar proveito económico do comunal. Ao contrario: traballamos os comuneiros polo monte, para coidar os vestixios megalíticos que conserva, para recuperar a súa fauna e a súa flora, para dar a coñecer a súa marabillosa paisaxe e para dar a coñecer as súas lendas. O único que lle pedimos á xente -subraya-, é que sexa respectuosa con este tesouro que poñemos aquí á súa disposición».

Ramón Abuín: «Para evitar a aparición do lume hai que coidar as áreas forestais»

Sublíñao, desde a comunidade de montes de Balouta e Fontecoba, no municipio de Dodro, Ramón Abuín, un histórico do movemento comunal galego: «Para evitar a aparición do lume hai que coidar os montes, as áreas forestais». Abuín, que representa aos comuneiros galegos na Asociación Forestal de Galicia, da que é vicepresidente, insiste en que o problema do lume dos montes galegos hai que combatelo, sobre todo, manténdoos nunhas condicións nas que resulte imposible que haxa incendios. E para logralo, recalca, ademais de manter os montes limpos hai que crear plans que racionalicen a produción de madeira

A comunidade de montes en man común de Balouta e Fontecoba destina o monte, esencialmente, á explotación forestal, pero os beneficios que producen as terras comunais non se reparten directamente entre os comuneiros, senón que se destinan a «fins sociais», subliña Abuín.

Protexer o medio ambiente

A día de hoxe, di Abuín, «o monte comunal galego ten, en xeral, un papel moi importante no social e tamén no da protección do medio ambiente». Se non existisen as comunidades de montes galegas -engade-, a situación das áreas forestais sería, a día de hoxe, completamente distinta, e infinitamente «peor». O necesario agora, comenta, é que aos poucos vaian incorporándose os mozos ás comunidades galegas de comuneiros.

CESAR QUIAN

Felipe Senén: «Son reliquias históricas que garanten ou futuro dás comunidades»

Dio Felipe Senén, un dos investigadores que mellor comprenderon a verdadeira esencia da alma de Galicia: «Os montes veciñais son reliquias históricas, tradicionais, non entendidas dende a sociedade do consumo».

«Son espazos -recalca o historiador- que garanten o futuro, a vida de comunidades que precisamente tiveron a súa orixe arredor deste recurso natural».

Apunta Senén, ademais, que «desde a sociedade e os sistemas de produción de hoxe», nos que están tan presentes a «privatización» e o «mercantilismo», resulta moi difícil «entender o que significaron os montes veciñais, o pastoreo, a roza e a madeira». «Mesmo os topónimos están en relación -dice Senén- coa produtividade e as singularidades dun monte agora empobrecido». 

Lugares sacros

A propósito da «sacralización do territorio», tan vinculada á orixe e ao «ser» da parroquia galega, Senén apunta, dirixindo a súa mirada á viaxe que os montes comunais levaron a cabo a través da historia, que «se ben a sociedade mantivo sempre espazos comúns, territorios considerados sagrados por algunha circunstancia, como os mananciais de augas», tamén as zonas de caza, de cultivos ou de pastoreo foron dando orixe a «territorios sinalizados». De aí xurdiron espazos «delimitados» nos que tamén mámoas e castros serviron, dalgún xeito, para ir «marcando» a propiedade de cada zona.

Isto vén supor, na práctica, explica Senén, que tamén os vestixios arqueolóxicos, que no pasado foron tomados como referencias por quen viviron ao seu redor, poden dar ás veces unha valiosísima información sobre a historia de cada territorio.

«División entre tribos»

Cita Felipe Senén, neste sentido, os «montes que actúan de lindeiros,», e tamén a «división entre antigas tribos, tal como denotan as siglas ou petroglifos de termo, os marcos…». Moitos deses lugares, engade o investigador, serían logo «cristianizados baixo a advocación dalgún santo», e acabarían tendo, ademais da súa propia capela, unha «concorrida romaría», que lles permitiría servir de «punto de encontro» para «festa e consolidación do clan».