Ferrol é o concello galego que máis obra pública licitou este ano

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Entre xaneiro e abril sacou a concurso actuacións por 3,8 millóns de euros

29 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Ferrol lidera o ránking galego de municipios con máis licitación de obra pública este ano, cun montante de 3.816.026 euros. Esta cifra é moi superior ás das restantes grandes cidades de Galicia, segundo o informe elaborado pola Federación Galega da Construción sobre a actividade no primeiro cuadrimestre do ano.

Os 3,8 millóns de Ferrol quedan moi por amais dos 2.471.151 euros licitados polo Concello da Coruña; ao que seguen Lugo, con 2.333.489; Pontevedra, con 1.645.044; Vigo, con 412.934; Santiago, con 34.552; e Ourense, con 5.081 euros. Pero tamén hai outros municipios de menor entidade que superan á maioría dos grandes nas obras contratadas ou en fase de contratación desde principios deste ano, como é o caso de Narón, con licitacións por importe de 1.737.833 euros; Sada, con 1.567.507; Nigrán, con 1,352.088; Carballo, con 1.207.433; ou Xinzo de Limia, con 931.418 euros.

En canto á área de influencia de Ferrol, entre os concellos con máis licitación de obra pública figuran Mañón, con 266.131 euros; Pontedeume, con 242.116 euros; As Somozas, con 219.000; Monfero, con 202.903; As Pontes, con 177.398; Ares, con 116.314; e Cedeira, con 100.000 euros. Séguenlles xa con só cinco cifras, A Capela, con 72.000 euros; Cariño, con 59.900; e San Sadurniño, con 49.238 euros.

Retomando o caso de Ferrol, os 3,8 millóns de licitacións realizadas os catro primeiros meses do ano en curso representan un incremento do 128,99 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior, cando fora de 1.666.464 euros.

Envolventes de Recimil

Entre as contratacións máis significativas polo volume do investimento destaca a obra relativa ás envolventes dos bloques de vivendas 1 ao 8 de rúa Betanzos, no barrio de Recimil, orzada en 1.465.980 euros. Tamén figuran a renovación de pluviais das vivendas municipais situadas na praza de España, con 147.619; o carril bici de Caranza, con 200.983 euros; as envolventes da rúa Ares 1-2 de Recimil, con 294.816; a reurbanización de Carmen Curuxeiras, con 279.940; o aparcadoiro disuasorio no Complexo Hospitalario Universitario (CHUF), con 254.140 euros; e a segunda fase da urbanización da rúa Basanta, en San Xoán, que se acomete con cargo ao POS da Deputación e implica un investimento de 434.634 euros.

Entre os concursos de obra pública que xa están resoltos tamén figuran varias obras do POS, como a mellora de marquesiñas das paradas de autobuses, licitada en 119.387 euros; o aglomerado da estrada de Catabois a Mandiá, con 95.643 euros; e o aglomerado do Camiño dás Cabazas, orzado en 43.910 euros.

A listaxe de licitacións de obra pública do Concello de Ferrol complétase coa primeira fase da ampliación da estrada de Pazos, cun investimento de 355.661 euros; e a iluminación da estrada de San Pedro, orzado en 94.890 euros.

O informe da Federación Galega da Construción recóllense, ademais, as licitacións doutros organismos e administracións para obras na comarca de Ferrol. É o caso dun investimento da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao cifrada en 866.904 euros; e do proxecto de acondicionamento da estrada AC-566, no tramo Valdoviño-Cedeira, que licita a Xunta de Galicia por un orzamento de 4.404.617 euros.