Un novo mercado naval

Beatriz García Couce
Beatriz Couce NA BANCADA

FERROL CIDADE

César Toimil

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En abril, a Navantia galega marcará un novo fito, ao levar a cabo por primeira vez a reparación e modernización dun cruceiro de enormes dimensións. É un mercado novo, no que se penetra o estaleiro ferrolán despois de comezar a explorar novas opcións, empurrado pola caída na actividade nun dos seus puntais: o sector gasista. Só unha semana despois de que o transatlántico abandone as instalacións da antiga Bazán chegará outro buque similar, da mesma naviera que depositou a súa confianza nesta planta da ría. É dicir, a estrea será dobre.

Os estaleiros locais saben o que é reinventarse. Na outra beira da ría, a factoría de Fene, que pasou por mil avatares, pasou de fabricar pesqueiros de madeira aos maiores superpetroleros do mundo; de superlativas plataformas mariñas a impresionantes estruturas de aceiro para a eólica mariña. Agora, a división de Reparacións de Navantia dá os seus primeiros pasos nun novo mercado que xera grandes expectativas na cidade, pola gran cantidade de traballadores foráneos que move. Ferrol, tan necesitado de que o axiten economicamente, tamén se prepara para responder a este reto que, unha vez máis, vén do naval.