Clientes misteriosos para avaliar o comercio de Ferrol

R.P.P. FERROL

FERROL CIDADE

ESTEVO BARROS

O Concello propón ao sector realizar un diagnóstico dos puntos fortes e débiles e formación en técnicas de venda

28 ene 2020 . Actualizado ás 22:07 h.

O Concello de Ferrol propón ao comercio local un plan de dinamización en varias fases, que inclúe a introdución da figura do cliente misterioso. Baixo ese nome desígnase a unha persoa que acode a un establecemento e avalía a calidade da atención recibida, plasmándoa nun informe sobre a súa experiencia. É unha parte do diagnóstico co que se quere detectar os puntos fortes e débiles da actividade comercial na cidade, e que, como segundo paso, incluiría unha entrevista co responsable da tenda para abordar a imaxe do seu negocio, estratexias de mercadotecnia comercial e de escaparatismo. Con toda esa información se elaboraría un diagnóstico conxunto, ademais de recomendacións concretas. E deixaríase paso a sucesivas fases, que incluirían formación en técnicas de venda, promoción, empaquetado ou análise de contas, así como acompañamento a cada un dos comercios participantes a través dunha persoa que actuaría como guía e unha última etapa de promocións cruzadas para fomentar estratexias compartidas e alianzas comerciais.

A concelleira Promoción Económica, María Teresa Deus, trasladou esta proposta onte á Mesa Local de Comercio de Ferrol, á que asistiron representantes do Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena; BOTO Catabois, Ultramar Village, Comerciantes do Mercado de Recimil, Vendedores do Mercado da Magdalena, Hoscompro Canido e a asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios.