O ferrolán Andrés Suárez presenta o seu oitavo disco

FERROL CIDADE

CEDIDAS

Inicia ano e década pisando forte

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O cantautor ferrolán Andrés Suárez, inicia ano e década pisando forte. Non só asinou contrato con nova discográfica, tamén é inminente o lanzamento do seu novo disco, o oitavo da súa brillante carreira. «As cancións que doen son as que máis me gustan» di Andrés tras elixir Espértame como o primeiro single do seu novo traballo. Mañá, xoves, día 23 a partir das 20.00 horas estréase nas plataformas dixitais a canción e tamén o videoclip, anticipo do seu novo disco que seguro será un novo éxito na súa carreira. A xira 2020 comeza tamén a tomar forma. Sabemos que comeza en Murcia o 25 de abril, pasará por Santiago e Vigo e por moitas outras cidades. Agardemos que tamén poidamos REVISAR velo en Ferrol. Considerado neste momento uno dos cantautores de maior éxito, son innumerables as súas colaboracións con outros artistas, non só interpretando cancións, senón compondo. Un dos últimos cos que colaborou é con Roi Méndez, o compostelán de que saíu de OT, e con quen gravou un videoclip cunha das cancións que compuxo para o seu primeiro disco. Andrés inicia nova andaina co selo discográfico Warner Music. O artista di que facía tempo que non se sentía tan ilusionado, renovado e feliz.

Pintura no camiño

A sede de Afundación acolle desde onte a I Mostra Artística de traballos realizados por escolares da comarca e por artistas da Sociedade Artística Ferrolá (SAF) que crearon as súas pinturas dentro do Festival Escolar do Camiño Inglés celebrado o pasado mes de outubro. Os traballos de Manuel Carballeira, Sol Lamas, Novais, Montse Pernas, Rosa F. Salanova, Chechela, Carla Villaamil, Manei, JM. Álvarez, Enrique V., Patricia Ocampo, Epi Fabal e Carlos Barcón, están inspirados no propio Camiño e poderán ser contemplados na sede de Afundación ata o 8 de marzo. O acto inaugural contou coa presenza de representantes da Federación de Anpas de Ferrol e Comarca Concepción Arenal e da SAF e con moito dos artistas que expoñen as súas obras. Ademais na mostra poden verse traballos de escolares de Discípulas e do Colexio de Esteiro. As tres mellores obras dos escolares recibirán un premio moi especial que será entregado antes da data de finalización da mostra.

Emotiva homenaxe

O Concello de Ferrol organizou onte no parque Xosé Chao Rego do barrio de Santa Mariña unha ofrenda floral na que o alcalde, Anxo Mato, puxo en valor a figura «crítica e inconformista» do que foi cura desa parroquia durante preto de dúas décadas. O rexedor destacou a xenerosidade e o compromiso social de Chao durante a súa etapa ferrolá, da que a presidenta da asociación veciñal, María Rivera, lembrou que deixou unha especial pegada entre os habitantes do barrio ferrolán. Ambos depositaron xuntos unha palma de flores ante o monólito que o lembra no parque situado xunto á igrexa. Foi durante un sinxelo acto ao que tamén asistiron o primeiro tenente de alcalde, Antonio Golpe, e concelleiros dos grupos municipais do PP, Ferrol en Común e BNG.