Albalat debuxou o futuro

José Picado DE GUARISNAIS

FERROL CIDADE

05 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Foi un referente das Belas Artes. Arquitecto, mestre de arquitectos. Un arquitecto humanista, máis preocupado polos usuarios dos edificios que polos edificios. Urbanista, sociólogo, deseñador, Andrés Fernández-Albalat Lois foi unha especie de sabio renacentista capaz de traducir os seus coñecementos na arquitectura máis moderna da segunda metade do século XX. A fábrica de Coca-Cola coruñesa, o concesionario de SEAT, o estadio de San Lázaro e a facultade de Matemáticas en Compostela, a rehabilitación da fortaleza de Monterrei e o complexo industrial de Sargadelos en Cervo (declarado ben de interese cultural), son algúns exemplos da súa arquitectura nova, diferente, innovadora.

Tamén o foi a súa visión futurista, revolucionaria, moi avanzada para aquela Galicia. Ingresou no Instituto Cornide a finais dos anos 50 e fíxoo cun discurso baseado no proxecto da Cidade das Rías. Alí Albalat debuxou o futuro. Proxectou tres pontes que unirían as tres rías do Golfo Ártabro (A Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol) coa finalidade de favorecer as comunicacións entre as cidades de Ferrol, A Coruña e todas as demais vilas ribeiregas. Tiña o deseño na súa cabeza dunha gran área metropolitana apoiada nas comunicacións, recursos e servizos compartidos por algo máis de medio millón de habitantes. Un ente supramunicipal debuxado vinte anos antes de aprobarse a Constitución, cuxo articulado ampara a súa creación e desenvolvemento. No século XXI fixéronse varias revisións da Cidade das Rías. Debatérono novas xeracións de enxeñeiros, arquitectos, sociólogos e urbanistas. Publicáronse novos enfoques, impartido conferencias e, por suposto, algunhas homenaxes ao seu creador, o profesor Albalat. Sumouse a Deputación coa edición dun libro que recolle toda a súa historia e volve pór de actualidade o proxecto. Oia, don Andrés, non cre vostede que sería demasiado caro facelo agora? A resposta foi parecida a esta: «Pregúntache se é caro ou barato facer un porto exterior ou unha Cidade da Cultura. Depende da vontade política e o interese dos cidadáns». Andrés Fernández-Albalat era escéptico e cría pouco na clase política. En voz baixa confesoume que os políticos ferroláns nunca foran receptivos a estudar A Cidade das Rías. Estaban instalados na idea de cidade-estado, autosuficiente, máis demandante de recursos de Madrid que relacionada coas outras cidades da súa contorna. Eu confirmáballe esta impresión. En todos estes anos a cidade naval optou por reivindicar o seu illamento, o desexo utópico de volver ser a cidade máis poboada de Galicia… Mentres continúa o seu declive. Descanse en paz, Albalat.