Emilio Larraz: «Queremos quitarnos a pena do partido pasado»

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

FERROL CIDADE

BENITO ORDOÑEZ

O Racing encara unha nova saída en avión para medirse mañá á Pena Deportiva

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Isto é moi longo e de todo apréndese . Hai días que se fan mellor as cousas e outros peor. Queremos volver gañar desde o traballo que realizamos esta semana, é a única forma de quitarnos esa pena». O adestrador racinguista, Emilio Larraz, recoñece que o persoal quere reporse á dolora derrota sufrida en casa a xornada pasada fronte ao Marino de Luanco. Deixou un sabor amargo a un grupo que quere regresar ao refacho de bos resultados. «Sabiamos que algunha derrota tería que volver, pero fíxonos dano porque temos a sensación de que, tal e como ía o partido, por diante en casa, sen quitarlle mérito ao rival, perdémolo nós. Regalámolo», lamenta o técnico.

Saír da fochanca será todo un reto xa que o equipo verde viaxa hoxe a Eivissa para enfrontarse á Pena Deportiva -municipal Santa Eulalia d'Riu, 11.30 horas-, un dos equipos revelación da tempada que logrou excelentes resultados nesta primeira parte da competición. «Temos o reto de repornos en casa dun equipo que está enrachado esta tempada e nun campo que é moi complicado, condiciona a forma de xogar. Vimos a equipos de diferente tipo moi condicionados, partidos moi físicos, polo que traballamos toda a mañá para adaptarnos», explica Larraz.

Augura un encontro frutífero como en Las Rozas? «O campo está moitísimo peor que o de Las Rozas e o xogo da Pena é moitísimo máis agresivo e directo. Entón, aínda que algunhas premisas serán as mesmas, haberá maior grao de dificultade porque será todo un pouco máis agresivo», valora o técnico.

Seoane e Fornos, sancionados

Para o duelo, o aragonés non poderá dispor de dúas xogadores clave, Seoane e Fornos, por acumulación de cartóns. A novidade na convocatoria será Joel. «Os outros 18 viaxamos. Entra na convocatoria Joel, que ata agora non o fixo. Sempre é mellor ter a todos pero o equipo demostrou que o fai ben, regular ou mal indistintamente de quen estea a xogar. Non ten que ser ningún problema», recoñeceu o adestrador.

O grupo sairá hoxe ás 11.00 horas da Malata para coller o avión rumbo á illa pitusa vía Madrid, onde realiza escala. En Eivissa prevén aterrar a metade da tarde. «O partido xógase algo máis pronto porque nos vai o tempo moi xusto para volver. Son viaxes que indubidablemente que alteran o ritmo normal da semana, pero o ir con esa alerta de que necesitamos volver sumar puntos para sentirnos ben nos vai a axudar a sobrepornos a todas as adversidades», insta o adestrador.

A pesar das dificultades da viaxe, os ferroláns estanse mostrando moito máis solventes e efectivos lonxe da Malata. «Estou seguro de que o equipo vai dar un bo nivel competitivo e veremos logo o que pasa, pero estou seguro de que o equipo vai estar ben», destaca Larraz. A «materia pendente», recoñece, está en casa. «Temos a necesidade clara de mellorar é cando volvamos xogar en casa. Nas clasificacións, lonxe da Malata estamos a ser un dos mellores equipos e sumando moitos puntos. Se queremos optar a ter unha boa clasificación nunha liga regular debemos mellorar o rendemento en casa», sinala.

Unha tenda na rúa Magdalena durante o Nadal 

Aproveitando o empurre do Nadal, o club anuncia a apertura dunha tenda provisional do Racing no centro da cidade. «A partir dá vindeira semana e mentras duren as festas do Nadal teremos unha tenda na rúa Magdalena», avanzou a entidade nas súas redes sociais. Nela poderase adquirir as elásticas e complementos do club, así como a edición especial do centenario. «Queremos facilitar as compras de produtos racinguistas nestas datas».