Rouban 650 quilos de marisco da campaña de Nadal nas bateas de depuración da ría de Ferrol

Manuel Arroyo Alves
Manuel Arroyo FERROL

FERROL CIDADE

ANGEL MANSO

Segundo informa a Consellería do Mar, o produto pertencía ás confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño e Corcubión

05 dic 2019 . Actualizado ás 18:59 h.

Uns 650 quilos de molusco, principalmente ameixa, foron roubados a madrugada do pasado luns dunha das bateas de reinstalación da ría de Ferrol.

Segundo informa a Consellería do Mar, o produto pertencía ás confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño e Corcubión, que utilizan as bateas de reinstalación situadas na zona de San Cristóbal para a súa depuración, unha vez extraído o marisco do fondo mariño. Os ladróns levaron tamén ao redor de 300 caixas e 70 cestillos que contiñan o produto que ía ser vendido nos próximos días, coincidindo coa campaña de Nadal .

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil de Fene pola empresa pública Seaga, encargada da xestión do sistema de depuración natural dos moluscos procedentes das zonas catalogadas como C, isto é, que deben ser sometidos ao proceso de limpeza antes da súa venda para consumo. Será esa mesma empresa, segundo a Consellería, a que indemnice ás confrarías afectadas co valor do marisco segundo o prezo actual de mercado.

Máis vixilancia

O roubo do marisco trátase dun feito sen precedentes nos últimos anos. Os profesionais do sector subliñan que é preciso maior vixilancia, non só nas bateas de reinstalación, senón en toda a ría de Ferrol debido ao alto índice de furtivismo , que pon á venda os bivalvos sen garantía algún para o consumo. De feito, a propia Consellería advirte de que o produto roubado viu interrompido o proceso de depuración ao que estaba sometido, polo que supón un risco polo «perigo potencial que pode supor a súa introdución de xeito ilegal no mercado». Así mesmo, o organismo autonómico destaca o «prexuízo» que supón para o labor dos profesionais do sector e recalca «o dano que a actividade irregular fai aos mariscadores dada a importancia socioeconómica» do segmento pesqueiro e marisqueiro na comunidade.