Canto se pode aforrar no Black Friday en Ferrol?

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

FERROL CIDADE

CARLA ELÍAS

O comercio ferrolán ofrece suculentos descontos durante estes días

28 novs 2019 . Actualizado ás 09:14 h.

Se é desa xente previsora á que lle gusta deixar listos os agasallos do Nadal con antelación, esta semana é a indicada. Os carteis negros con suculentas ofertas alagan os escaparates de Ferrol e é posible aforrarse un bo tanto aproveitando a semana do Black Friday.

Moitos comerciantes recoñecen que aínda non hai moita expectación. «Non se nota moito movemento», indican desde a xoiería Pratas, onde teñen artigos rebaixados ata a metade do seu prezo orixinal, do mesmo xeito que na xoiería Jar. Na óptica Novalux tamén empezaron cos descontos especiais: monturas con cristais desde 79 euros e lentes de sol cun 40 % de rebaixa. «Este ano non parece que vaia a haber moito movemento, a xente non se anima moito e creo que é unha batalla perdida para o comercio pequeno que non podemos competir contra as grandes cadeas», lamenta a óptica Verónica Alarcón. A súa proposta? «Unhas lentes de moda de Dolce Gabana para muller, custaban 215 euros e agora 129 euros. Unhas de home de Police quedan en 78 euros de 130 euros que custaban, merece moito a pena», recoñece a óptica.

CARLA ELÍAS

En Dolores Lola creen que esta moda non axuda ao comercio de roupa. «O ano pasado non o fixemos, pero este vémonos forzados polas grandes cadeas, aínda que realmente non podemos competir con elas», recoñecen. Aínda que non son moi amantes deste tipo de descontos, no seu establecemento de moda e complementos femininos teñen produtos ata o 40 %. No seu caso, unha idea de agasallo que destacan é un vestido sport de 65 euros que se pode adquirir a 39,90 euros.

CARLA ELÍAS

Pola rúa había xente xa onte con agasallos do Nadal anticipados. «Non podo ensinalo, pero só podo dicir que era algo que me pediron en Zara Home e saíume cun 20 % de desconto, non está nada mal porque era caro», chancea Alicia Hernández.

No escaparate da tenda de zapatillas e calzados Green Apple xa colgaron os carteis de descontos do 10 e o 15 %. «Púxeno onte -polo martes- e hoxe xa se interesou xente», sinala Teresa Pereiro, do comercio. Unha idea divertida para regalar: «Unhas zapatillas Hot Potatoes de Gioseppo. Teñen o 10 %, de 29,95 quedan en 26,95 euros», explica.

CARLA ELÍAS

Un agasallo que non adoita fallar cada nadal é algunha colonia. En Ana Perfumerías teñen descontos que oscilan entre o 5 e o 20 % aos seus prezos xa baixos de seu. «O cofre da colonia feminina Versace Bright Crystal é de 67,95 euros e a de home de Mont Blanc é de 49,95 euros, teñen o 15 %», indica Lúa Porto.

CARLA ELÍAS

Seguimento desde Fene

Prefire agardar a facer as súas compras o mesmo venres por se atopa unha ganga? Desde Fene opera a web michollo.com, que fará un seguimento especial ás grandes ofertas desde a media noite do xoves ao venres ata o Cyber Moday. «Desde Fene levamos unha das webs máis populares de España. Dedicámonos a rastrexar por todas as grandes páxinas os produtos que son verdadeiros choios», explica o responsable Alberto Cinza. A web fai de catálogo e detalla se o desconto é directo ou ten código que no seu mesma páxina pódelo copiar e acceder de forma directa á web vendedora.