Receitas útiles para deixar de lado a depresión e os episodios de tristeza

La Voz FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

O psiquiatra Andrés González é o relator da nova entrega do ciclo Charlas saudables

20 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta tarde • 20 horas • Sede de Afundación • Gratuíta • A nova entrega do ciclo Charlas saudables que organiza La Voz e a área Sanitaria de Ferrol, aborda o que é un dos grandes retos en materia de saúde deste século: como facer fronte á depresión. Unha enfermidade que neste momento non pode previrse, aínda que si existen estratexias útiles para afrontala.

Nesta liña, o psiquiatra Andrés González, cunha dilatada experiencia de traballo nas unidades de saúde mental da zona, promete ofrecer durante a súa intervención algunhas claves para detectar esta doenza, que ás veces a xente confunde coa tristeza, pero que, con todo, distan de ser equivalentes.

Así, baixo o ilustrativo título de Saúde mental positiva: ferramentas fronte á depresión, González explicará en que consiste esta patoloxía e axudará a distinguila de episodios de tristeza ou de estrés cos que, indubidablemente, poden ter relación.

Ademais explorará aqueles factores que favorecen unha boa saúde mental. Explica este experto que os hábitos de vida saudables -unha boa alimentación e adeus ao consumo de alcol, tabaco e outra drogas- propician un estado mental positivo, aínda que recoñece que a teoría en ocasións custa levala á práctica.

A cita con Andrés González García, ao que os asistentes poderán realizar as consultas que consideren, arrincará ás 20 horas na sede ferrolá de Afundación, na praza da Constitución.