Ferrol reclama a Narón o pagamento de 1,8 millóns de euros pola taxa do saneamento

La Voz FERROL

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

O goberno ferrolán levará a pleno a desestimación das alegacións naronesas

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno de Ferrol levará a pleno a desestimación das alegacións do Concello de Narón pola taxa do saneamento, que mantén pendente de pagamento. A alcaldesa do municipio veciño, Marián Ferreiro, enviou un escrito no que alude a unha carta precedente de setembro e sen resposta. E pídelle ao seu homólogo, Anxo Mato, que antes de rematar novembro contéstense as alegacións e adóptense os acordos para que Narón poida abonar as contías resultantes da revisión do expediente, sobre as que ten discrepancias e pide a súa xustificación técnica e económica.

O goberno ferrolán levará hoxe á comisión de Economía e Facenda a proposta plenaria, incluída a actualización dos pagamentos debidos por Narón. Aos 845.715 euros pola depuración entre abril do 2017 e maio do 2018 súmanse agora 541.243 (xuño-decembro 2018) e outros 436.498 (xaneiro-xuño 2019). En total, son 1,8 millóns de euros os que Ferrol reclama a Narón, que manteñen un enfrontamento que a contestación ás alegacións promete non tranquilizar.

Ferrol acusa o goberno naronés de «negarse a aboar ningunha cantidade» a pesar de disfrutar del servicio y siendo consciente de su «enriquecemento inxusto». Ante a reclamación de que sexa un organismo supramunicipal o que xestione a rede, o executivo ferrolán sostén que é «un intento de involucrar á Mancomunidade nunha débeda que atinxe exclusivamente a Narón». E sobre a reserva plenaria naronesa de exercer accións legais para «evitar que unha empresa co 49 % de capital privado (...) reciba a dedo a xestión dunhas instalacións que non son nin foron propiedade do consistorio», Ferrol responde que esta manifestación «atenta contra a legalidade» e «non se pode pasar por alto».