Humor serio

Manuel Couce DESDE A ALAMEDA

FERROL CIDADE

17 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os socialistas ferroláns deben ter outra vida de reposto que tampouco lles funciona fóra de aquí, pois ninguén se explica como sendo maioría no seu municipio perden o escano de senador. Esta lamentable situación de desconcerto político é debida ao camiño emprendido por esta agrupación, que desde hai algún tempo vén malbaratando a súa credibilidade e perdendo apoios, como neste caso, e parece que tan só lle queda o grupo municipal e o seu alcalde, que están a demostrar seriedade e rigor na xestión, mentres á dirección só se lles ve pola Casa do Pobo o día das eleccións, ou organizando un acto político coa ministra de Defensa e o secretario xeral, que os trouxeron a pasear pola rúa Real.

Esta perplexidade, que non é tal, débese aos ácidos detractores dirixentes. Algún non ten cabida nunha organización que traballa para gañar o futuro, porque romperon a convivencia e creado unha alarmante indiferenza na poboación, froito da holgazanería e desbandada, e así perderon a un traballador nato, Julio Barros, de seguir sendo senador en Madrid. Con este panorama, os socialistas ferroláns, que nos problemas sociais e laborais teñen a pel do tigre, convertérona en alfombra, e chegarán ás próximas eleccións autonómicas nestas condicións, con ese modelo absurdo que parece hase encamado xa no partido por razóns difíciles de entender, pero doados de demostrar.

Pero unha parte dese partido segue moi viva e non está disposta a perder esa oportunidade que se lles presenta aos socialistas para gobernar por terceira vez Galicia, pois as condicións están dadas ante un Núñez Feijoo paseando polo país o seu cheiro a naftalina, mentres a xente segue vendo desigualdades en aumento constante, sen que o poder político poña orde, nin que prevaleza o interese xeral nin a prosperidade de todos os galegos, porque as estruturas obsoletas desta Xunta impiden superar os problemas.

En consecuencia, a substitución da presidencia da Xunta sobre a mesa, os resultados das xerais disiparon todas as dúbidas. A esquerda pode gobernar, e a agrupación de Ferrol deixarse de murmurar e mellorar. Non sexa que pola falta dun puñado de votos, o candidato Gonzalo Caballero quede aos pés dos cabalos nesta gran oportunidade.