Cazan a un ferrolán conducindo a 221 quilómetros por hora na autovía de Vilalba

La Voz FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

O home podería enfrontarse a penas de tres a seis meses de prisión

11 oct 2019 . Actualizado ás 18:50 h.

A agrupación de Tráfico de Ferrol investigou a un condutor como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. O individuo, veciño de Ferrol, circulaba pola autovía de Vilalba, a AG-64 , a unha velocidade de 221 quilómetros por hora.

Tal e como apuntan desde o Ministerio do Interior, os feitos terían tido lugar no municipio das Pontes durante a realización dun control de velocidade cun dispositivo móbil. Os axentes de Tráfico que se atopaban realizando esta proba detectaron a un turismo que circulaba en dirección á cidade naval superando con fartura a velocidade máxima permitida.

Así, segundo os datos solicitados polo cinemómetro instalado no vehículo, circulaba pola AG-64 a 221 kms/hora, isto é, pasando en 101 quilómetros por hora o tope máximo permitido, co consecuente risco para a súa seguridade e a do resto dos usuarios do viario.

O condutor podería enfrontarse a penas de prisión de tres a seis meses e«en calquera caso, a de privación do dereito a conducir» vehículos a motor e ciclomotores por un período que iría dun a catro anos.