Ferrol perde a Manolo Pardo, unha figura fundamental na música popular

José Manuel Couce Fraguela

FERROL CIDADE

José Pardo

Foi o cofundador de formacións tan emblemáticas como o grupo Os Players ou a rondalla Bohemios

21 sep 2019 . Actualizado ás 09:04 h.

A morte de Manolo Pardo, prematura como o son sempre todas as mortes, causou en min unha profunda dor. Perdo un gran amigo, un deses amigos que deixan tras de si un baleiro que non pode encherse con nada, e en verdade creo ter dereito a afirmar que agora, sen el, o noso mundo (o mundo da música ferrolá, que para nós tamén foi sempre un xeito de existir) é inmensamente máis pequeno do que antes era. Non quero deixarme levar pola emoción, nin tampouco que me arrastren en exceso os recordos persoais, pero tampouco podo deixar de dicir, porque é de xustiza facelo, que Manolo Pardo, ademais dun gran músico, foi un ser humano excepcional. E era, sobre todo, un home bo. Un home bo no sentido máis alto da expresión, que era o que Antonio Machado lle daba á bondade nos seus versos. Nacera no municipio de Abegondo, pero para todos os efectos xa era, por convicción, un ferrolán. Os seus primeiros pasos no mundo da música deunos xunto a Mauricio Farto, cofundador da mítica orquestra Belas-Farto, o seu gran mestre. E aí comezou a súa longa traxectoria, a dun artista repleto de sensibilidade e feito a si mesmo. Unha traxectoria que o levou a estar entre os cofundadores dos Players (grupo do que era pianista e onde fomos compañeiros), e tamén a impulsar o nacemento da rondalla Bohemios. Funcionario da Armada no Arsenal (profesión que compaxinou coa música sempre, ás veces á conta de grandes esforzos), dicía que aquí, en Ferrol, cantar era un xeito de «ser feliz». Agora el váillenos, pero quédanos o seu recordo, quédanos a música que compuxo e quédanos o seu exemplo. Dalgún xeito, Manolo seguirá aquí para sempre.