«Nas miñas rutas vendo algo máis que un percorrido, non son un GPS andante»

M. Aneiros / B. C. FERROL

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Tras media vida dedicado ao sector naval, Gerardo García decidiu en xuño facer da súa afección pola montaña a súa profesión

14 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Traballei sempre vinculado ao mundo naval», relata Gerardo García, un ferrolán que, tras máis de dúas décadas compaxinando o seu traballo como enxeñeiro coa súa paixón pola montaña, decidiuse a converter a súa afección no seu modo de vida baixo o nome de Kapitrek. «Sempre tiven a inquietude de ser autónomo, e xa tiña a experiencia de selo anteriormente como enxeñeiro, por iso, cando xurdiu a oportunidade, decidín facelo», explica.

«Un día visitando cun grupo de australianos a un amigo que ten unha casa en Betanzos, pregunteille por que non facía algo con ela orientado aos que fan o camiño. O díxome que se eu lle levaba xente, el alugábama», conta García sobre o nacemento da súa actual profesión. «Fun a Madrid, obtiven a FP2 en Técnico Deportivo de Media Montaña e en xuño empecei a traballar como guía», expón, para asegurar que «nin nos meus mellores soños podería imaxinarme que fose ir tan ben». Tras rematar a súa formación e pasar por un período de prácticas na axencia de viaxes madrileña Terra de Lume, esta decidiu seguir contando con el para ofertar viaxes a Ferrol, que se traduciron en cinco semanas de traballo. «A miña maior ambición durante os primeiros meses era poder cubrir gastos», confesa o guía, que pode presumir de ter «o resto do ano cuberto de traballo». Ortegal, Eume ou Montefaro son algúns dos puntos da zona que ensina, e agradece «a colaboración do club BTT Pulpeiros de Mugardos para manter as rutas transitables». Con todo, as súas tarefas non se limitan á comarca, senón que traballa para poder ofrecer destinos dos máis variados. «Xa estou en redes sociais e tamén no correo electrónico info\kapitrek.com e moi pronto estará operativa kapitrek.com».

«Como guía, o máis difícil sempre é manter un ritmo común ao grupo», asegura. «O que ofrezo como guía é seguridade, un control dos tempos e coñecemento meteorolóxico. O que vendo non é un simple percorrido, non son un GPS andante», subliña.