Ferrol sopesa xa reclamar danos a Narón pola débeda do saneamento

Carmela López
Carmela López FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Anxo Mato móstrase especialmente preocupado pola situación de Emafesa

11 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Hay deudas importantes, houbo unha taxa que se suspendeu e que xerou un problema grave, que case leva a Emafesa á quiebra, e é unha empresa municipal. A situación xerada provocou que non se puideran facer pagos nin obras, e un problema de ingresos no Concello». É unha das reflexións que fixo onte o alcalde de Ferrol, Anxo Mato, nas Conversas non Parador que organiza o Club de Prensa, asegurando que é unha das cuestións que máis lle preocupan e que pretende «abordar de inmediato, con toda a seguridade xurídica posible». E engadiu que o saneamento da ría, que tería que ter sido «unha nova extraordinaria, porque cada metro cúbico que se depura é vida para a ría, e para o turismo», converteuse nun problema, «que puxo a empresa municipal nunha situación financieira delicadísima, que ten consecuencias na liquidez do Concello de Ferrol».

Anxo Mato sostén que na xestión do ciclo completo da auga, que debe seguir xestionando Ferrol, cometéronse erros que hai que emendar de inmediato. Referiuse á suspensión da taxa, que derivou nunha sentenza xudicial, e á débeda acumulada polo Concello de Narón polo saneamento, que cifra en máis de dous millóns de euros. A este respecto, anunciou que se vai incidir no devandito abono, e que mesmo se estuda reclamar polos danos e prexuízos provocados por esa débeda.

Nesta liña, manifestou que ese asunto xa o abordou coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que nas próximas semanas estudarase a situación de Emafesa e o resultado remitirase ao municipio naronés, porque o que pretende o goberno ferrolán é «garantizar a seguridade xurídica da empresa e provocar o menor dano posible ás arcas municipais».

Saneamento do rural

Segundo o alcalde, se non xurdise «esta situación tremendamente difícil», o que tocaría estar a facer agora sería xestionar «unha taxa mínima, completar o saneamento do rural e axudar ao comercio local».

Residencia de maiores

No seu balance do realizado nos tres meses de goberno desde a toma de posesión, e insistindo en que non ía criticar xestións dos seus predecesores, Mato indicou que as súas primeiras xestións consistiron en abordar a ampliación do hospital Arquitecto Marcide, para que se puidesen iniciar as obras de reforma, e pór a disposición da Consellería de Benestar Social a parcela do Bertón na que se vai construír unha residencia de maiores. «Son cuestións clave para dar servizos ós ferroláns e tamén ós concellos limítrofes», dixo, co obxectivo de que Ferrol recupere o seu papel de de «centro neurálxico» os municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Nesta mesma liña, o alcalde referiuse a outras reivindicacións nas que xa comezou a traballar, como a reunión que xa mantivo co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, -ao que recibirá hoxe no Concello- para a mellora da seguridade viaria en Serantes e a construción de beirarrúas na Cabana, ao que tamén exporá a necesidade dunha cuarta fase, ata chegar ao túnel da Malata.

O tren, Navantia e Defensa

O rexedor ferrolán comprometeuse, así mesmo, a reclamar das administracións unha «conexión ferroviaria como corresponde con A Coruña», a vía de alta capacidade pola costa, un novo buque para Navantia, o convenio con Defensa, a eliminación do talude das Pías, mellorar a Comisaría de Policía e a creación dunha sección da Audiencia en Ferrol.

O alcalde informou, así mesmo, de que xa están a traballar nos orzamentos do próximo ano, que centrarán nas necesidades básicas da cidade e no retorno do que se invista.