O alcalde móstrase disposto a «xerar ilusión», en base aos múltiples e grandes potenciais que ten a cidade

La Voz

FERROL CIDADE

11 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O diagnóstico da cidade que o alcalde realizou a proposta da presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz, estivo salpicado de visións positivas, que Anxo Mato fundamentou nos potenciais de Ferrol. «O primeiro que teño que facer é xerar ilusión e tratar de proxectar unha imaxe ben distinta a que moitos ferroláns estamos habituados a trasladar», dixo. Nesta liña, indicou que Ferrol está na media do desemprego en Galicia, os salarios tamén están na media dos de Galicia, «pero a súa posición tamén ten moitas vantaxes, que hai que proxectar cun plan estratéxico para o que o diálogo é fundamental». Ante a pregunta de se seguirá buscando un goberno de coalición, insistiu en que sempre está aberto a falar con todos os grupos «porque sei ou que vale ter un orzamento e un goberno máis amplo» e lembrou que xa en campaña fixera un chamamento a todas as forzas para traballar xuntos. «Ogallá teñamos esa altura de miras», apuntou, engadindo que agradecía o apoio de Ferrol en Común e o BNG para ter a Alcaldía, «e sempre estarei aberto a falar con eles, como có resto». Segundo Mato, as condicións do pasado mandato non foron as mellores, pero a falta de estabilidade política «non vale para que non se avance». Ao seu modo de ver, o que toca agora é un percorrido «que temos que facer rápido, porque levamos moito retraso respecto a outras cidades».

Festa de benvida aos universitarios

O alcalde centrouse nas capacidades do municipio, comezando co campus universitario. «Estamos dando pasos para achegar a Universidade ó Concello» e anunciou a primicia de que está programando un festival de música a finais de setembro, para darlles a benvida aos estudantes que veñen de fóra. «A cidade tense que poñer á disposición de eses alumnos y a Xunta e Goberno central teñen que facer esforzos para potenciar o campus industrial», dixo, engadindo que hai que conseguir que o talento dos investigadores quede en Ferrol, ligado á industria naval e ás enerxías renovables, ou ao desenvolvemento loxístico no porto.

Escenario dunha rodaxe

Tamén anunciou que Ferrol foi elixido para rodar localizacións da serie «O verán que vivimos», protagonizada por Branca Suárez e Javier Rey , baixo a dirección de Carlos Sedes (Fariña e Velvet). Gravarase na Magdalena, Caranza, Canido, Covas ou Esmelle, e o alcalde destacou o impacto positivo dun proxecto destas características.