A Policía Local de Ferrol tivo que pagar a peaxe na persecución duns sospeitosos

FERROL CIDADE

MARCOS MÍGUEZ

Os axentes interceptaron na autoestrada aos ocupantes dunha furgoneta denunciados por roubo e ao saír en Cabanas requiríronlles o abono polos tres coches patrulla

19 ago 2019 . Actualizado ás 17:35 h.

Un operativo da Policía Local de Ferrol desenvolvido o pasado sábado, cando perseguían aos ocupantes dunha furgoneta denunciados por un furto, concluíu cos axentes pagando no portelo da autoestrada AP-9 a peaxe polos tres vehículos patrulla. A empregada pasou un momento de apuro cando a encargada lle ordenaba que lles cobrase, polo que chegou a ofrecerse a abonalo do seu peto, pero os policías non o permitiron.

O caso orixinouse por mor de que un veciño alertase dun furto nunha leira e comunicase á central policial que estaba seguindo a furgoneta na que fuxían os ladróns. Tres coches patrulla iniciaron a persecución, penetrándose na autoestrada e pouco antes da saída de Cabanas lograron interceptar o vehículo, no que non había ningún efecto subtraído, polo que só identificaron aos ocupantes. E ao saír, requiríronlles o pagamento da peaxe. A resolución do Ministerio de Fomento sobre as exencións ás forzas de seguridade dá lugar a varias interpretacións, porque sinala que «ás policías locais seralles aplicable a exención da peaxe en situacións de urxencia, previo requirimento das autoridades», pero no caso dunha persecución dificilmente poderase requirir con cáracter previo.