Os concellos recibirán 71.900 euros para loitar contra a violencia machista

C. LÓPEZ FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CEDIDA

A subdelegada do Goberno na Coruña deu a coñecer a repartición de fondos

18 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, deu a coñecer onte a repartición de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia. No caso das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a suma das axudas que recibirán os vinte municipios ascende a 71.905 euros. Nesta repartición, o Concello de Ferrol recibirá 12.851 euros; Narón, 7.759; Neda, 1.618; Fene, 3.048; Mugardos, 1.643; Ares, 1.707; Cabanas, 1.285; Pontedeume, 2.117; A Capela, 918; As Somozas, 892; Monfero, 1.046; San Sadurniño, 1.206; Moeche, 910; Cerdido, 898; As Pontes, 17.903; Valdoviño, 1.875; Cedeira, 1.928; Cariño, 1.409; Ortigueira, 1.762; e Mañón, 939.

López Rioboo reiterou a importancia de que os concellos teñan recuperado as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero tras a reforma da lexislación aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez. A repartición destes fondos faise en base a unha cantidade fixa de 689 euros por municipio e outra variable, resultado de multiplicar 0,18 euros por habitante. Ademais, os concellos que están incorporados ao Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero reciben máis achega, ao reservarse unha parte do fondo estatal a este fin.