Futuro contra pasado

Manuel Couce DESDE A ALAMEDA

FERROL CIDADE

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ferrol non levantará cabeza durante os próximos anos, se as súas forzas políticas non son capaces de recuperar a atención e colaboración dos cidadáns nos obxectivos preferentes que ten a cidade, e para iso é importante o acordo entre os nosos servidores públicos en temas importantes que afectan á maioría da xente. É sabido que en toda sociedade existen conflitos que deben ser arbitrados e executados con responsabilidade e naturalidade, polos gobernos correspondentes, e a maioría das veces faise así.

Vén a conto porque en Ferrol vivimos unha situación clamorosa nos últimos catro anos que empezou coa descomposición do goberno local, quedando en minoría, buscou axuda a destra e á súa sinistra para evitar os paus que lle agardaban en plenos e comisións, pero os seus intentos foron errados, e impulsouse a política partidista duns e outras á xestión, orixinando na corporación un grave tumor político que desembocou en metástasis.

Con este panorama, aquela corporación foise a pique, creando na cidadanía a obsesión visual de que funcionaba un circo de dúas pistas (goberno-oposición). Nin uns nin outros entenderon a natureza da democracia e o seu discurso integrador, e non cabía agardar a que se disipase tanto rebumbio levantado. Pero esa mala copia da xestión pode repetirse se aos líderes das formacións municipais cégalles o egoísmo partidista e seguen co experimento perverso de tirar cada un polo seu lado, así a cidade irase ao garete cos ferroláns dentro.

Esta cidade ten moito do que encherse de orgullo coa súa democracia, e é necesario que entre todos a convertamos no principal referente, lembremos o recente pasado de máximo esplendor coa Universidade, as boas relacións con Defensa, os estaleiros, o Porto Exterior, os transatlánticos de Curuxeiras, a autoestrada, tres museos, o saneamento da ría, a substitución dunha parte do murallón, o Auditorio, e todo con anhelo de obter o mellor espazo de convivencia.

Por iso é urxente unha reflexión seria dos novos gobernantes para non volver ás andadas, e do mesmo xeito que a idade de pedra non acabou por falta de pedras, Ferrol continúa tendo xente na que confiar para abonar o seu futuro contra ese pasado.