O convenio

José Varela FAÍSCAS

FERROL CIDADE

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A cidade de Ferrol vén sendo para o Estado o que o emprego para os empresarios: un mal menor, a peaxe inevitable, ou aínda nalgúns casos unha excrecencia no seu proxecto. O obxectivo orixinal era, respectivamente, dispor duns estaleiros modernos para a Armada borbónica, e obter os máximos beneficios do esforzo emprendedor, que se di en fino. Pero como a tortilla non se fai sen romper os ovos, hai que apandar cunha cidade para ter o estaleiro, e convivir cun grupo de traballadores e os seus engorrosos sindicatos para que cante a caixa rexistradora. En fin, ao que imos: o Estado, investido da lexitimidade do poder e ben arroupado legalmente cun corpus xurídico tecido a medida ao longo de moitos anos, ten unha lóxica de aceiro inoxidable. A transhumancia dunha familia de excluídos sociais de orixe portuguesa desde o inactivo campo de tiro de Doniños ao abandonado cuartel Sánchez de Aguilera pon de manifesto ?ademais da falta de reflexos dos servizos sociais municipais- a desidia coa que o Estado coida do seu patrimonio. Nada que sexa alleo á lóxica de ferro estatal: un grillón metálico que ata por igual aos Gobernos de dereita e de esquerda, supondo que isto último sexa posible cun Ibex 35 atento á xogada. De modo que o mellor é abandonar a escasa esperanza que puidésemos ter de lograr un acordo favorable a Ferrol no convenio con Defensa, e ir preparándonos para o que nos toca: se xa os estaleiros son unha molestia para o Estado ?co barato que sueldan chapa en Extremo Oriente-, que non o será a cidade que aqueles levan como carga. Como o emprego cando a caixa non canta.