Novas análises na ría de Ferrol determinarán a campaña da vieira

Manuel Arroyo Alves
M. Arroyo FERROL

FERROL CIDADE

Os mariscadores e a Xunta estudan solicitar cambios na normativa comunitaria que establece os límites para comercializar o produto

11 jul 2019 . Actualizado ás 13:15 h.

A campaña da vieira en Ferrol segue pendente da concatenación de resultados favorables nas analíticas realizadas na augas da ría.

Nas probas de xuño, os niveis de toxina non permitían o inicio da extracción do molusco. Unha situación que se mantén desde hai meses e que levou aos profesionais da Confraría de Pescadores a solicitar unha reunión con responsables da Consellería do Mar a fin de buscar solucións a esa problemática enquistada pese ao avance no saneamento da ría.

O encontro produciuse o martes na sede compostelá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Segundo informa o departamento de Rosa Quintana, «a confraría de Ferrol solicitou a realización dun estudo sobre os niveis de toxina rexistrados co obxectivo de desbloquear a situación». Ao día seguinte, o Intecmar tomou novas mostras, cuxo resultado se coñecerá este venres. No entanto, unha das propostas trasladadas ao goberno autonómico é «valorar a  posibilidade de solicitar cambios na normativa comunitaria». Ou o que é o mesmo, estudar «posibles cambios no réxime de análises en relación cos límites establecidos para comercializar a vieira en condicións de seguridade e así favorecer unha maior actividade do sector».

Jaime Gabarri, portavoz do gremio, e que tamén asistiu á xunta, explica que esa medida pasaría por elevar á Unión Europea unha solicitude «para que se poida baixar a media de toxicidade», sempre nos valores que non supoñan «un perigo para a saúde». Detállao en cifras: «A gónada e o músculo da vieira teñen que guindar, de forma independente, un valor de 4,6, moi por amais do 2,1 indicado para o consumo». A súa proposta pasaría por que ese 4,6 fose o teito para a análise conxunta de ambas as partes do bivalvo.