A velutina axexa xa con forza os colmenares de Ferrolterra

ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CEDIDA

Nas comarcas de Ortegal e Eume a avespa asiática está a tardar máis en activarse

10 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os repentinos cambios do tempo alteran o ciclo vital e o comportamento da Vespa velutina nigrithorax, que xa leva semanas despregando unha intensa actividade na contorna dos colmenares da área de Ferrolterra. Nas comarcas de Ortegal e Eume, a avespa asiática aínda non supón unha ameaza para as abellas. Rafael Díaz Neto, delegado da Asociación Galega de Apicultura (AGA) na zona de Ferrol, lembra que a destrución de niños alongouse ata o 24 de xaneiro: «Foi o último poboado que saquei, e a principios de febreiro veu un verán adiantado e empezaron a saír as raíñas».

O trampeo permitiu capturar numerosos exemplares. «Sacamos moitísimas, pero multiplícanse de tal xeito que non hai forma de controlalas, salvo se coordínanse varios concellos limítrofes cunha campaña de trampeo xeneralizada», sinala. E non resulta nada sinxelo pór de acordo aos concellos, que, en caso de actuar, fano de xeito independente. A colocación de trampas, cada vez máis selectivas para evitar o sacrificio doutro tipo de insectos, parece a mellor fórmula para tratar de frear o avance da velutina.

A efectividade do trampeo

Manuel Rodríguez Gómez, responsable de AGA en Ortegal, certifica a efectividade dos dispositivos de captura de raíñas: «Nótase agora. Nas zonas [dos municipios de Mañón, Ortigueira e Cariño] onde máis trampeamos de momento non hai nada, collemos unhas 400 raíñas; pero onde non se fixo, como Mera de Arriba ou Sismundi, están empezando a atacar as colmeas e estamos sacando niños primarios». Tamén alerta de problemas en varios puntos onde non chegaron a eliminarse os niños secundarios da anterior tempada. «Os máis altos quedaron; se tendo as ferramentas non se combate o perigo, esténdese», lamenta.

A experiencia de Manuel Ferreira, a cargo de AGA en Eume, apunta a unha aparente caída da poboación de velutina. «Estanse vendo os primeiros niños primarios, xa se quitaron varios, e por onde se fixo trampeo caeron menos raíñas que o ano pasado, aínda que iso non é garantía de nada -aclara-. Nas colmeas non se ven ataques, de momento, a diferenza do que ocorre en San Sadurniño, Narón ou Ferrol».

A evolución depende do tempo

Ferreira apunta, doutra banda, que o atraente (para as trampas) distribuído pola Xunta «funcionou moi mal nas zonas de montaña, e na costa chégalle moito». E non se atreve a avanzar un diagnóstico. «O tempo está moi cambiante e estalles alterando o ciclo; o calor favoréceas, pero os primarios que fan no chan, se agora vén auga, estrágaos. O ano pasado foi moi malo en produción de mel e este, nas zonas de eucalipto, moi bo». En Ortegal, Rodríguez ve máis risco onde non se instalaron trampas ou permanecen os niños vellos, «porque as raíñas escondéronse alí». O trampeo, coinciden, segue sendo recomendable.