As tres escolas oficiais de idiomas atenden a máis de 15.000 estudantes

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Os centros da Coruña, Santiago e Ferrol manteñen doce seccións na provincia

10 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As tres escolas oficiais de idiomas da provincia atenden este curso a máis de 15.000 estudantes: a da Coruña supera os 7.500; sobre 5.300 en Santiago e case 3.000 en Ferrol. Esas cifras inclúen o alumnado das súas sedes centrais e das diversas seccións que dependen directamente delas: as de Arteixo, Carballo, Cee, Culleredo e Melide, da da Coruña; as de Ordes, Negreira, Noia, Ribeira e outra máis na cidade, no IES de Sar, no caso de Compostela; e Cedeira e As Pontes, de Ferrol. Considérase así mesmo a suma de matrícula oficial, para o ensino presencial (a máis de 5.800 estudantes na Coruña, case 3.700 en Santiago e 2.160 en Ferrol) e a libre, ademais de diversos cursos específicos e outras modalidades de ensino que imparten.

Os tres centros teñen en común seis linguas: o inglés, a de maior demanda, de case dúas terceiras partes do alumnado total; e francés, alemán, italiano, portugués e galego. En Santiago e A Coruña imparten español para estranxeiros. E catro máis no da Coruña, ata once, que son árabe, chinés, ruso e xaponés.

Estas escolas adáptanse ao marco europeo destes ensinos especiais. Certifican o coñecemento das linguas segundo seis niveles: o máis básico é o A1, e séguenlle A2, B1, B2, C1 e C2. Este último, o superior, aínda non está completamente implantado: en Santiago ofréceno este curso en inglés e galego; na Coruña téñeno incorporado para inglés; e en Ferrol, en galego.

Oferta do nivel superior

O próximo curso ampliarase o C2 en galego, francés e portugués na Escola da Coruña; en inglés e italiano, na de Ferrol; e en alemán e francés, en Santiago. Así o avanzan Feli Carballido, directora da Escola de Ferrol; Susana Aldao, da Coruña; e Gonzalo Constenla, de Santiago.

As motivacións para aprender idiomas son moi diversas. Parte importante do alumnado acode para certificar os niveis B1 ou B2, esixidos para titulacións universitarias. O claustro da USC ratificou a finais de maio que se retira ese requisito. Gonzalo Constenla afirma que descoñece cal será o impacto dese acordo, pois en Santiago a demanda de alumnado da USC foi sempre relevante, mesmo antes de precisar esa certificación.

Susana Aldao destaca que este ano na Coruña notan un incremento moi relevante da matrícula de alumnado libre e por iso terán reforzo para os exames. Atribúeo a que a certificación da EOI conta para os concursos de traslados de profesorado. Nos tres centros detectan así mesmo interese de persoas que necesitan coñecer a lingua dun país ao que se expoñen emigrar, e na Escola de Ferrol comproban os últimos anos como hai alumnado que se propón ir a Inglaterra e Alemaña, indica Carballido.