Jorge Suárez: «A vida non é un cen por cen de acertos»

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Candidato de Ferrol en Común á alcaldía de Ferrol

23 may 2019 . Actualizado ás 09:01 h.

«O que se ve é o que hai», di sobre si mesmo Jorge Suárez Fernández (Vigo, 1975), alcalde ferrolán dende o 2015 e candidato á reelección por Ferrol en Común. A campaña non lle deixou ver aínda os cinco últimos capítulos de Xogo de tronos. «Que ninguén me faga un spoiler», advirte. Mais el si cre telo sobre os resultados do 26M: un goberno de esquerdas e mellorando os seus resultados do 2015. Todo a pesar dun mandato convulso, con ruptura de pacto incluída, e inzado de polémicas, «anécdotas», di. Catro anos que, sostén, pecha con nota: «Un sete».

-Como xustifica esa nota?

-Como profesor que fun de min mesmo, máis alá das anécdotas que se publicaron sobre nós hai un proxecto consolidado de cidade. Non creo que un goberno deba presumir de logros, senón de traballo. E coas condicións tan adversas que tivemos, que non significa vitimismo, senón que foi unha realidade, creo que está máis que xustificado ese sete.

-De verdade era necesario iniciar a obra de Armas en campaña?

-Non é unha cuestión de vontade política. Seguimos estritamente os ritmos administrativos de contratación e foi un proceso que se tratou de minorar de todas as maneiras posibles pola oposición. Por moito que se diga, estou convencido de que ningún grupo vai parar esta obra. Incluso lle estamos facendo un favor a algún en caso de que goberne, por ter arrancado esta obra e non ter que tomar decisións contra ela.

Moitas veces a anécdota convértese en noticia. Por exemplo, o tema das tres árbores foi algo surrealista. Así en vez de construír cidade o que facemos é salseo puro e duro na política, que creo que debe servir para outra cousa.

-Falando de «salseo»: a foto da bañeira, o coche oficial, o busto do rei emérito, a moción sobre a monarquía o día despois da visita do rei... Non creou demasiadas polémicas innecesarias?

-A iso teño que contestar: pasarela de Santa Mariña, mercado de Caranza, a praza de Armas, a rehabilitación de Recimil, o incremento de axudas sociais, poñer a Ferrol no foco da cultura, un plan consensuado e participado de mellora dos barrios e limpeza viaria...

-O que non quita todo o demais.

-Si. Hai cousas que ocorren que son meras anécdotas. A vida non é un cen por cen de acertos, nin cen por cen seriedade. Gustaríame que se nos recordase con rigor, pero tamén como xente alegre. Unha frase que me repeleu bastante que dixo un candidato, que é que á política se vén aprendido, é a antítese do que ten que ser a política.