Pablo Iglesias pasa no bico dos pés pola campaña de Ferrol

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

O líder de Podemos limitouse a apoiar a Suárez e centrou a súa mensaxe na política estatal

22 may 2019 . Actualizado ás 21:41 h.

Pablo Iglesias participou nun mítin de campaña reslpaldando a acción de goberno de Jorge Suárez, ao que se referiu como «un exemplo que nos dá forza», pero non abordou ningunha das cuestións crave de Ferrol, nin a nivel local nin das relacións da cidade co Estado.

Nun acto celebrado ao aire libre na Praza Vella, o líder de Podemos expuxo a necesidade de «gobernos que poñan límite aos poderosos e convertan os seus privilexios en dereitos para todo o mundo». Nesta liña, valorou a participación do seu partido no Goberno central, pero insistiu en que tamén é importante o peso municipal a partir do próximo domingo, por iso invitou ao público asistente a avalar cos seus votos a candidatura de Suárez.

Pablo Iglesias insistiu en que non se pode permitir que se apoderen da palabra liberdade os que a están destruíndo, apuntando que a liberdade se fundamenta nos dereitos sociais, que é polo que hai que seguir loitando. Nesta liña, aludiu á mensaxe de Nelson Mandela sobre as diferenzas entre a democracia e a ditadura, sinalando que a democracia significa que os servizos públicos teñen que garantir que a xente sen recursos poida ser o que queira «e iso é o que imos expor», en referencia ás negociacións co PSOE para constituír o Goberno do Estado, «nas que non imos pedir a lúa, senón que se cumpran os artigos que veñen na Constitución».