A Garda Civil detivo a dúas persoas por roubos en polo menos 25 vivendas de Ferrolterra

FERROL CIDADE

César Toimil

A investigación habíase iniciado no 2017

09 abr 2019 . Actualizado ás 18:16 h.

O equipo Roca da compaña de Ferrol da Garda Civil e efectivos do posto de San Sadurniño detiveron a dúas persoas ás que se atribúen polo menos 25 roubos en vivendas de San Sadurniño, Ortigueira, As Somozas e zonas limítrofes da provincia de Lugo. Os arrestos producíronse por mor das investigacións iniciadas no 2017, dada a proliferación de roubos en casas de zonas rurais illadas e segundas vivendas deshabitadas. Os ladróns accedían ao interior tras forzar portas ou fiestras e levaban todo tipo de aveños, como roupa, xoias, mobles e ferramentas. O valor dos danos e os efectos subtraídos supera os 50.000 euros.

A maior parte dos obxectos roubados foi recuperada no domicilio dos detidos e devolta aos propietarios, pero aínda queda gran parte do botín á espera de ser recoñecido polos seus donos. Non se descarta a imputación de máis feitos delituosos, polo que se solicita a posibles afectados que contacten co equipo Roca da Garda Civil a través do teléfono 981 314 403, porque entre o material intervido figuran efectos cuxa desaparición non foi denunciada por ninguén.