Retirada de lixo, tratamento de residuos e punto limpo, servizos de pagamento contra factura

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

O Concello de Ferrol mantén algúns dos principais servizos sen contrato

07 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O da xestión de residuos procedentes de vertedoiros incontrolados é só un da longa nómina de servizos que o goberno local de Ferrol mantén sen contrato. Esta situación aboca ao Concello a pagar contra factura cada labor que as empresas realizan, no que se denomina recoñecemento extraxudicial. E deben ser aprobadas polo pleno, polo que en diversas ocasións neste mandato os pagamentos quedaron bloqueados.

No caso dos vertedoiros, a situación é especialmente grave, xa que permanece sen contrato non só a parte específica da xestión deses residuos, senón tamén a súa retirada, da que se encarga Urbaser, que realiza a limpeza viaria e a recollida de lixo. Ademais, tampouco ten contrato en vigor o punto limpo, que xestiona Recinor, onde deberían acabar, desde un principio, os materiais que engordan os vertedoiros ilegais.

Depósito gratuíto na planta de Recinor

A alternativa cívica aos vertedoiros ilegais chámase punto limpo e no caso de Ferrol atópase na planta de Recinor, na estrada de Catabois. Alí poden depositarse de forma gratuíta residuos voluminosos, electrodomésticos, aceites, baterías, cascallos, madeiras, fluorescentes, plásticos, pilas, pintura... aínda que hai unhas cantidades máximas por usuario e mes. O horario é de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas de luns a venres e de 10.00 a 13.00 os sábados.