O submarino Mistral chega a Ferrol

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL CIDADE

CÉSAR TOIMIL

O buque poderá visitarse o luns e o martes de 16 a 19 horas

24 mares 2019 . Actualizado ás 13:14 h.

O submarino Mistral xa chegou a Ferrol, procedente da Escola Naval de Marín. O buque permanecerá no Arsenal Militar ata o vindeiro mércores, pero antes, o luns e o martes, a Armada previu que poida ser visitado.

En concreto, os interesados poderán acceder durante esas dúas xornadas ao seu interior en horario de 16 a 19 horas. Non é necesario realizar unha inscrición previa, aínda que desde a Armada infórmase que se regulará o acceso, por rigorosa orde de chegada.

O S-73, con base en Cartaxena, chega á urbe naval co obxectivo de dar cobertura ás actividades formativas dos alumnos das escolas militares de Ferrol, pero a súa estancia nunha base que non conta con este tipo de buques espertou unha gran expectación. Por iso, a Armada previu xa o procedemento para realizar as visitas. Así, os interesados teñen que acceder ao Arsenal pola Porta do Parque, é dicir, a que está situada en fronte á Praza Vella, provistos do seu DNI. Tras realizar as acreditacións, formaranse grupos para regular o acceso.

Fai tres anos

A última vez que o Mistral estivo en Ferrol foi en abril do 2016, cando recalou no Arsenal para dar descanso á súa dotación. O buque, de 68 metros de eslora (longo) e 5,4 de manga (ancho) conta cunha tripulación formada por 70 persoas. Pertencente á clase Galerna, ten capacidade para descender ata os 300 metros e de permanecer ata 45 días mergullado.