San Sadurniño esixe información oficial sobre a couza guatemalteca

La Voz SAN SADURNIÑO

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

O 5 de marzo cúmprese o prazo fixado para a prohibición de plantar patacas

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A piques de cumprirse dous anos desde que a Xunta decretase a prohibición de plantar pataca como medida para acabar coa praga da couza guatemalteca, San Sadurniño -municipio en corentena desde entón- esixe ao goberno galego que se pronuncie acerca do mantemento da medida, despois de que o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzase que se prolongará durante un tempo indefinido».

O executivo de Secundino García reclamou xa en decembro, como apunta o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela «información oficial sobre o estado da praga e as previsións en canto á posibilidade de levantar ou non a prohibición» despois do 5 de marzo, en que se cumpre o prazo marcado inicialmente.

Localidades afectadas

Lembran desde o Concello de San Sadurniño que, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a corentena e as medidas de erradicación continúan activas neste momento en Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes. E que se pode plantar, «aínda que baixo supervisión oficial, nos municipios denominados como tampón»: As Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e parte de Monfero e Pontedeume, onde, ao parecer non houbo detección da praga.