O Rugbi Ferrol inicia a fase polo título arrasando

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

FERROL CIDADE

RUGBI FERROL

Os ferroláns impuxéronse ao Crat B e xa agardan o encontro contra Os Ingleses

12 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cun resultado de 5 a 55, o Rugbi Ferrol iniciou a segunda fase da Liga Galega 1 arrasando ao Crat B. Os de Juan Pablo Chorny non foron rival para os coruñeses e xa teñen as miras postas no transcendental encontro que disputarán esta semana fronte aos Ingleses de Vilagarcía.

Os ensaios visitantes foron logrados polo centro neozelandés Hamm, nun par de ocasións, e os restantes polos dianteiros Emi e Ciri, o centro Kenneth, e os ás Jaime e o veterano Alejandro Segura. O dominio do partido foi ferrolán de principio a fin, e só cederon nun fallo de concentración defensivo que custou un ensaio coruñés. O mellor, o debut co equipo axadrezado do arxentino Francisco Paco Cárdenas, que se une a outros xogadores da lexión procedente do país suramericano que reforzou Ferrol esta tempada coa chegada do técnico compatriota. «O partido estivo un pouco trabado ao principio, non puidemos darlle o ritmo do xogo que busco nos adestramentos, pero puiden sacar cousas positivas que nos farán falta no futuro», valorou. Para Chorny, ese ritmo irano collendo ao retomar o calendario de encontros. «O ritmo dácho a continuidade», destacou. Co resultado moi encarrilado houbo tempo para que entrasen mozos da canteira do club, como os sub 18 Pablo, Galdo, Antonio e Morete, que se uniron á dinámica do primeiro equipo para así ir sumando experiencia na categoría sénior.

Líderes da táboa

Os ferroláns mantéñense no máis alto da clasificación de en esta segunda fase da competición autonómica, empatados cos seus máximos rivais, o equipo arousán. Os Ingleses visitarán este domingo o campo da Malata, un partido de vital importancia para as aspiracións ferrolás de alzarse co título galego e avanzar na clasificación para o play-off de ascenso. Dos encontros que disputen as próximas semanas concluirase a orde da táboa para a confección da liguiña final polo título.

Por outra banda, o club continúa coas súas actividades para fomentar o deporte na cidade. O adestrador participou co presidente, Cristóbal Dobarro, nun encontro co Rotary Club de Ferrol para falar sobre os valores de respecto, esforzo e compañeirismo que caracterizan ao rugbi, ademais de compartir as experiencias do seu país natal. Igualmente, non dubidou en coller o balón e practicar cos alumnos do colexio San Rosendo, unha actividade enmarcada nas xornadas de difusión para os máis pequenos.