Carballo, dos concellos coruñeses con máis vacantes para profesores

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

FERROL CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

A maioría das prazas que oferta a Xunta no concurso de traslados son de secundaria

11 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Todos os anos, a administración educativa abre o procedemento de concurso de traslados para profesores funcionarios, alternando o que ten carácter nacional co autonómico. A consellería mobilizou este ano nos centros escolares da provincia da Coruña un total de 1.225 vacantes. Só en Santiago, hai dispoñibles 151, ao redor do 12 % do total provincial. Carballo, pola súa banda, sitúase entre os municipios coruñeses con maior número de prazas vacantes, xunto con Ribeira, Ames, A Coruña, Culleredo, Fene, Narón e Ferrol.

A maioría das prazas que saen a concurso son de ensino secundario, cun total de 488 postos, e dentro das especialidades, destaca sobre todo Matemáticas, con 53 vacantes repartidas polos centros escolares da provincia. Entre as máis numerosas están inglés, da que se ofertan 37 prazas, 35 son de , lingua e literatura galegasde física e química mobilízanse 34 vacantes, 28 son de xeografía e historia e 26 de lingua española.

En peso, o seguinte corpo con máis vacantes dispoñibles é o de mestres. Saen a concurso 400 prazas dos centros escolares da provincia. A amplísima maioría dos postos son da especialidade de primaria (124), seguida de educación infantil (70), francés (60) e audición e linguaxe (54), aínda que tamén se ofertan de inglés (16), educación física (16), música (31) e pedagoxía terapéutica (29).

Secundaria e primaria abarcan o groso das vacantes dispoñibles neste concurso de traslados, seguidas da oferta para os profesores técnicos de Formación Profesional, con 145 postos dispoñibles e repartidos en 24 especialidades diferentes.

As que maior número de prazas mobilizan nesta convocatoria son as de instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos (14), procedementos sanitarios e asistenciais (14), procesos de xestión administrativa (11) e as especialidades de procesos comerciais e produción de artes gráficas, con dez vacantes cada unha.

Pola súa banda, as escolas de idiomas da provincia ofertan prazas de docentes principalmente de inglés (46), aínda que tamén hai dispoñibles de alemán (1), árabe (2), chinés (2), francés (5) galego (3) e xaponés (2).

Artes escénicas

Ademais, saen a concurso vacantes de catedráticos e profesores de música e artes escénicas. Para os primeiros a oferta é de 56 vacantes repartidas en 26 especialidades. Piano é a que máis postos ten neste concurso de traslados: seis. No caso dos profesores de música e artes escénicas, volve ser piano a especialidade con máis prazas (9) da vintena que se ofertan, seguida de linguaxe musical (7). En total, o concurso mobiliza 45 vacantes para este corpo docente.

Tamén saen prazas para o profesorado das artes plásticas e deseño, que pode concursar para obter algunha dos 19 postos que se ofertan nos centros da provincia da Coruña. A maioría, 17, son para profesores, mentres que outras dúas se reservan a mestres de taller. Esas prazas corresponden a nove especialidades para os profesores -debuxo artístico (1), debuxo técnico (1), deseño de interiores (2), deseño de moda (3), deseño de produto (1), deseño gráfico (3), fotografía (2), xoiería e ourivaría (1) e volume (2)- e dous para os mestres de taller: unha para a especialidade de dourado e policromía e outra para talla en pedra e madeira.