Alumnos de nove centros da comarca participarán na First Lego League

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

A cita terá lugar o vindeiro sábado, día 16, no Auditorio de Caranza

09 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O concurso de robótica e ciencia First Lego League volverá celebrar no Auditorio de Ferrol a súa fase galego-asturiana. Terá lugar o próximo 16 de febreiro no Auditorio de Caranza, baixo a organización da Universidade da Coruña (UDC), e no certame daranse cita un total de 37 equipos integrados por máis de trescentos novos de Galicia e Asturias.

Na proba dirixida a rapaces de 10 a 16 anos, a comarca estará representada por un total de nove centros: os institutos Sofía Casanova, Catabois, Ferrol Vello, Ortigueira, A Xunqueira e Ricardo Carballo; os colexios Recimil de Ferrol e Atios de Valdoviño e a academia Espazo Vivo. E na edición «júnior» da First Lego League -para pequenos de 6 a 9 anos-, Ferrolterra contará con tres equipos: dous deles formados por fillos de profesores do campus e outro procedente do Atios.

Ademais de deseñar e programar un robot, os participantes deberán presentar un proxecto científico que nesta ocasión deberá estar relacionado co espazo. Trátase dos desafíos Into Orbit (para os rapaces de 10 a 16 anos) e Mission Moon (para os concursantes da versión júnior). Na pasada edición, o equipo Waterbot do IES Fene gañou o primeiro premio e conseguiu coarse na final nacional.