Cafés con aroma a ciencia baixo os murais de Bello Piñeiro

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

A UDC e Ártabro Tech poñen en marcha un ciclo de charlas divulgativas no emblemático «Acuario» do Casino

01 feb 2019 . Actualizado ás 09:28 h.

Achegar á sociedade o talento que bole á calor das universidades dun xeito «lúdico, doado e divulgativa». En palabras da vicerreitora do campus de Ferrol, Araceli Torres, ese é o obxectivo que persegue Café con ciencia, un novo ciclo de conferencias que nace coa vocación de dar a coñecer o traballo de destacados investigadores e profesionais formados nas universidades españolas e cuxa posta en marcha foi posible grazas á colaboración da UDC, a empresa Ártabro Tech -de cuxos responsables partiu a iniciativa- e o Casino Ferrolán.

E é que o escenario que terá este novo programa de charlas divulgativas será a emblemática «sala de conversas» do club ferrolán, máis coñecida como O Acuario, unha auténtica xoia decorada con murais de Bello Piñeiro que agora o Casino quere abrir a toda a cidadanía a través desta iniciativa, segundo destacou na presentación do ciclo a presidenta da sociedade, Susana Martínez Galdós.

Alejandro Casteleiro, director técnico de Ártabro Tech, explicou que o ciclo constará dun total de seis conferencias -una cada dous meses- e anunciou que a primeira se celebrará o 7 de febreiro e correrá a cargo de Miguel Vidal Maroño, un brillante físico ferrolán que se acaba de incorporar á empresa tras ter traballado no CERN de Xenebra. Alí integrouse no equipo de investigación do bosón de Higgs, a chamada «partícula de Deus», que foi merecedor do premio Nobel de Física no 2013.

Tras o relatorio de Vidal Maroño, Café con ciencia proseguirá en abril cunha charla de Covadonga Astorga Lloréns, unha destacada investigadora no campo das emisións de vehículos, e en xuño tocaralle a quenda ao químico Carlos da Cruz García, responsable de Regulación e Asuntos Científicos de Nesspreso. Os seguintes conferenciantes daranse a coñecer en datas próximas.