Ribeira está entre os concellos galegos con máis roubos en vivendas

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

FERROL CIDADE

CARMELA QUEIJEIRO

As forzas da orde relacionan estes delitos cos delincuentes habituais

30 ene 2019 . Actualizado ás 13:03 h.

Cada catro días, sete horas, tres minutos e 32 segundos. Ese é o período de tempo no que se rexistra un roubo nunha vivenda na capital barbancesa, que se sitúa xusto por detrás de Lugo, Santiago e Ferrol neste tipo de delitos, posto que nestas cidades os asaltos a casas prodúcense cunha media de dous días. Estes son algúns dos datos que se extraen do informe elaborado por Unespa, a Asociación Empresarial do Seguro, no que tamén se constata que os inmobles do concello pobrense (78 %), xunto cos de ribeirense (76 %) son os que teñen máis posibilidades de recibir a visita dos ladróns.

Soamente Pereiro de Aguiar (121 %) e Mos (96 %) superan a estes dous municipios barbanceses en probabilidade de recibir a visita dos amigos do alleo, unha estatística na que se ten en conta aos corenta municipios galegos que sufriron máis dunha vintena de roubos en vivendas durante o exercicio 2017.

En contraposición a estes datos, hai outra particularidade da comarca destacable, posto que, aínda que A Pobra e Ribeira poden producirse máis subtraccións en vivendas, o custo medio destas é relativamente baixo. Segundo os datos que se manexan neste estudo, sitúase nos 455 e 433 euros, respectivamente, mentres que no caso de Noia elévase ata os 1.123 e en Rianxo aos 804. Os municipios con menor poboación, Mazaricos e Lousame tamén son os que rexistran que o botín e os danos causados polos ladróns son menores, 371 e 282 euros respectivamente.

Pouca entidade

Desde as distintas forzas de seguridade que opera na comarca explicaron que esta porcentaxe de roubos tamén vai relacionado co número de habitantes en cada municipio, a maior censo, máis delitos. Ademais, outras das singularidades da comarca é que conta cun bo número de «delincuentes autóctonos», que cando están na rúa nótase moito porque se disparan o número de asaltos, mentres que unha vez que entran en prisión estes redúcense considerablemente.