San Sadurniño repara as pistas da Fraga a Igrexafeita e de Cabanela a Sabanda

La Voz FERROL

FERROL CIDADE

José Pardo

Consistirán no aglomerado da pista que vai desde o lugar da Fraga, en Ferreira, ata o cruzamento coa antiga estrada das Pontes, en Igrexafeita, pero tamén na reparación do tramo que enlaza en Santa Mariña do Monte os lugares de Cabanela, A Fraga e Sabanda

23 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A mesa de contratación do Concello de San Sadurniño propuxo hai escasos días a adxudicación dun proxecto de obra para dous tramos da rede viaria municipal, o que une os lugares de Ferreira e Igrexafeita e outro que se desenvolverá integramente en Santa Mariña do Monte.

Tras a revisión das ofertas técnicas e económicas, e unha vez que se completen os trámites administrativos, a empresa Asfalgal Técnicas Viarias encargarase dos traballos por un prezo de 52.820,16 euros. Consistirán no aglomerado da pista que vai desde o lugar da Fraga, en Ferreira, ata o cruzamento coa antiga estrada das Pontes, en Igrexafeita, pero tamén na reparación do tramo que enlaza en Santa Mariña do Monte os lugares de Cabanela, A Fraga e Sabanda.

As dúas obras que agora se acaban de adxudicar provisionalmente levan tempo previstas. De feito, xa foron obxecto dun contrato anterior que o Concello de San Sadurniño tivo que cancelar ante o incumprimento dos prazos e das condicións por parte da empresa á que se encomendaron as tarefas.

A primeiros de decembro

Unha vez completado o trámite de resolución do acordo, a administración local reiniciou o expediente de contratación que, finalmente, licitouse a primeiros de decembro por procedemento aberto simplificado ao que concorreron tres empresas.