Cousas máis importantes

José Picado DE GUARISNAIS

FERROL CIDADE

19 ene 2019 . Actualizado ás 22:54 h.

Se lle damos carta de natureza (no noso caso mellor sería outorgar patente de corso) aos contidos escritos nas redes sociais, a Ferrol e os ferroláns debemos atribuírlles un novo elemento diferenciador, propio, esencial: o das cousas máis importantes. Ferrol é, ademais da cidade naval, a noiva do mar, a capital do departamento marítimo, o berce das fragatas, a cidade das áncoras, o froito da xeopolítica ou o modelo de cidade academicista e ilustrada, o paraíso das cousas máis importantes. As redes sociais así o testemuñan. As redes sociais, aquelas en as que non hai contacto social, as que se apoian na rede virtual e a nube informática, poñen de manifesto que nas páxinas ferrolás de Facebook, Twitter, Instagram, distintos blogues e chats, hase apalancado de forma tenaz e persistente o colectivo dos partidarios das cousas máis importantes. As súas opinións son claras: «mira ti se non haberá cousas máis importantes en que gastar os cuartos», «claro, o diñeiro non lles doe, se non o gastarían en cousas máis importantes», «a iso chámase malgastar; os centos de cousas máis importantes que se poderían facer nesta cidade abandonada», e outras moitas desta guisa. Os seus fieis son tantos que poderían constituír un foro de amigos, sociedade, club, ateneo, sindicato ou ata un partido político. Hai que dicir que un partido político máis nin se notaría, agora que se reproducen como as avespas velutinas para as eleccións municipais. Partido Ferrolán das Cousas Máis Importantes (Pafecomi, para abreviar), podería chamarse, e tería un modo de actuar coherente coa súa filosofía, valores e o seu patrón de conduta. Tres son as súas características destacables.

A primeira é a de responder sempre e en primeiro lugar da mesma forma: «non haberá cousas máis importantes que facer que esa trapallada». A segunda é que esta resposta actúa como un resorte automático ante calquera idea, obra, proposta ou proxecto, sexa do tipo que sexa. E a terceira -aínda que quizais a máis importante- é que xamais, baixo ningún concepto, o fiel militante da política das cousas máis importantes fará pública ningunha idea propia. Nunca dirá que se poderían investir os fondos públicos en tal asunto nin que se debe atender aqueloutra necesidade. Nin sequera atreverase a citar ningún exemplo de algo relevante visto noutra cidade ou que funciona ben noutro lugar. Isto, polo demais, é absolutamente lóxico neste simpático colectivo. Se alguén cometese o descoido de indicar que sería importante os seus correlixionarios serían os primeiros en contestar a todo filispín: «bah, miúda ocorrencia, mira ti se en Ferroliño non haberá cousas máis importantes a que dedicar os cuartos».