O PSOE anuncia melloras nos trens de Feve, as trincheiras e a seguridade

A. F. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Mato avanza a incorporación de maquinistas e critica «anos de pasividade do PP»

19 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Ministerio de Fomento non detallou o destino dos 84,74 millóns de euros de investimento previsto nos Orzamentos Xerais do Estado (pendentes de aprobación) na liña de vía estreita Ferrol-Vegadeo, entre 2018 e 2023 (exercicio ao que se apraza o 67,5 % do montante total). O senador socialista Anxo Mato destacou onte que o proxecto económico do Goberno «aborda as carencias do tren despois de moitos anos de pasividade do PP». O candidato á alcaldía de Ferrol reuniuse co presidente de Renfe, Isaías Táboas, para coñecer o destino das partidas programadas.

A partir deste encontro, Mato explicou que se dedican 10,7 millóns (a contía prevista para 2019). Indicou que Adif prevé «mellorar todas as trincheiras que o necesiten, para evitar desprendementos; modernizar as instalacións de seguridade no referido aos bloqueos e pasos sobre vía; renovar a vía e os desvíos nos tramos máis deteriorados; e eliminar a vexetación adxacente ao trazado e as árbores de gran porte, para a mellora da visibilidade e a seguridade na condución».

Táboas informoulle, doutra banda, de que «Fomento vai acometer a mellora do 60 % do material rodante da cornisa cantábrica, a través dun investimento de tres mil millóns de euros [para todos os trens de proximidade, media distancia e ancho métrico de España en dez anos, como lembra a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo], para a adquisición de novas máquinas, que xa se licitaron». Mentres non culmina este proceso, abundou, «comprométese a trasladar algún material máis moderno para prestar servizo neste trazado». Desde a plataforma inciden desde hai tempo en que os fallos das máquinas non se deben á súa antigüidade. É máis, a maioría das avarías danse nas unidades con menos anos.

Mato avanzou, ademais, a incorporación de máis maquinistas á zona para evitar incidencias por baixas ou traslados; e a revisión inmediata dos horarios «de acordo coas necesidades trasladadas polos alcaldes» á compaña.