Sen pistas aínda sobre a autoría dos balinazos en Caranza

FERROL CIDADE

CESAR TOIML

En outubro de 1997, un taxista había resultado ferido no mesmo lugar no que o mércores tres veciños do barrio foron acadados por disparos de escopeta

18 ene 2019 . Actualizado ás 18:00 h.

A Policía Nacional da Comisaría de Ferrol-Narón prosegue coas investigacións sobre o incidente ocorrido o pasado mércores no barrio de Caranza, no que tres persoas resultaron feridas ao ser acadadas por disparos cunha escopeta de balines que alguén efectuou desde unha das torres do barrio. A identificación do autor está a resultar complicada, posto que as carabinas de aire comprimido non constan en ningún rexistro, de aí a importancia dos testemuños que poidan ofrecer as persoas que teñan presenciado o ocorrido.

As tres presentas que recibiron os impactos dos balines xa presentaron as oportunas denuncias na Comisaría da avenida de Vigo e, en base ás mesmas, así como ás achegas doutras testemuñas, están discorrendo as investigacións da Policía para tratar de identificar e deter ao autor das lesións canto antes.

O asalto a balinazos do pasado mércores non é o único rexistrado nesa zona da avenida de Castelao, no populoso barrio de Caranza. De feito, en outubro de 1997, un taxista que estaba a prestar servizo na parada situada no mesmo lugar dos disparos de hai dous días resultou ferido ao ser acadado por un balín nunha fazula. O home tivo que ser asistido no servizo de Urxencias para extraerlle o proxectil.

Segundo denunciou nese momento o colectivo de profesionais do taxi ante a Policía Local de Ferrol, o tirador amparábase na escuridade da noite -o pasado mércores ocorreu sobre as sete da tarde- e aproveitaba o momento en que só había un vehículo na parada. Os disparos habíanse producido en tres días da mesma semana desde a fiestra dunha vivenda próxima. Ademais do taxista acadado na fazula, os balines disparados nesa época causaron danos na porta dun dos vehículos.

Os afectados fixeran constar nese momento que, aínda que os disparos se realizaron ao azar, o obxectivo do tirador era acadar o portelo do vehículo.

Anos antes, concretamente a principios de 1983, xa se denunciou tamén o disparo de balines aos autobuses que circulaban polo barrio de Caranza.

Máis recentemente, en agosto do 2010, axentes da Policía Local interviñéronlle unha escopeta de balines a un mozo que disparaba balines na praia de Caranza. Naquela ocasión, os axentes foran alertados por un veciño.

E xa sen ir tan lonxe, efectivos da Comisaría de Policía de Ferrol-Narón desenvolveron unha investigación hai pouco máis dun ano, por mor de que as queixas recibidas tamén por disparos cunha carabina de aire comprimido cara á avenida do Mar, tamén no barrio de Caranza.