Morre Arturo Lezcano, un xornalista de vocación temperá

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

FERROL CIDADE

Santi M. Amil

Ourensán de nacemento, estivo moi vinculado a Ferrol e A Coruña, cidade na que faleceu o xoves

18 ene 2019 . Actualizado ás 09:54 h.

O xornalista Arturo Lezcano Fernández, Ruco, morreu onte aos 79 anos na Coruña. Ourensán de nacemento, Lezcano estivo tamén moi vinculado a Ferrol, onde dirixiu Ferrol Diario, e á Coruña, onde durante moitos anos formou parte do persoal de La Voz de Galicia. Foi neste periódico redactor xefe e o primeiro Amigo do Lector cando o diario impulsou esta figura no ano 2001.

De vocación temperá, Lezcano publicou os seus primeiros artigos aos 16 anos. Especializouse en crítica cinematográfica e escribiu varios libros, tanto de narrativa como ensaios, algúns dedicados a Vicente Risco, de cuxa fundación foi vicepresidente e unha de cuxas frases -«non se pode coñecer o descoñecido a través do coñecido»- figura na súa necrolóxica.

Casado con Viruca González, tiña cinco fillos e nove netos. A súa familia vélao no tanatorio coruñés Servisa, onde mañá ao mediodía se celebrará unha misa, previa ao seu enterro no cemiterio de Feáns.