O Parrulo suma outro punto cara á permanencia

J.V. FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

Liga Nacional de fútbol sala

Os ferroláns empataron a dous goles na cancha do Santa Coloma

18 ene 2019 . Actualizado ás 22:43 h.

O Parrulo empatou a dous goles na cancha do Santa Coloma. É outro punto cara á permanencia, aínda que os ferroláns seguen na corda frouxa, sen afastarse da zona de perigo. A vitoria do Segovia en casa do Zaragoza aperta a zona baixa da táboa.

O partido arrincou ben para os ferroláns cun tanto de Rubi Lemos cando só se disputaron sete minutos. Roger Bermusell tivo unha gran ocasión de facer o 0-2, nun man a man co porteiro Feixas, aínda que non a aproveitou. Os cataláns dominaron o xogo, aínda que O Parrulo defendeuse con orde. Aos 13 minutos Ximbinha tivo unha gran ocasión para o seu equipo, enviou un balón ao pau, o rexeite chegou a David Álvarez, quen estivo a piques de marcar, aínda que o evitou Attos.

Antes do descanso, tras unha contra, Rubi Lemos dispuxo doutra gran oportunidade, aínda que o porteiro Feixas evitou o tanto. A primeira parte finalizou con 0-1.

A segunda metade foi mesmo máis aberta. Bermusell tivo unha clara para O Parrulo, aínda que tamén Ximbinha dispuxo doutra gran ocasión, pero Chemi evitou o tanto do empate. O canteirán Miguel Caeiro dispuxo dunha gran ocasión, aínda que non acertou. Con todo, aos 27 minutos, Verdejo logrou o empate para o Santa Coloma, tras un gran pase de David Álvarez.

Isma enviou un balón ao pau aos 30 minutos de partido. Tan só dous minutos máis tarde, Pol Pacheco cara ao 2-1 tras un rexeite do meta Chemi. Aos ferroláns faltoulles fortuna neste fase do encontro.

Un tanto de Isma

Diego Ríos solicitou un tempo morto para dar instrucións aos seus xogadores para intentar a remontada. Aos 34 minutos de xogo Isma, ao aproveitarse dun fallo defensivo conseguiu o empate a dous tantos. Nesta acción, os cataláns cometeron a quinta falta.

O partido estivo aberto ata o final, pero o marcador xa non se moveu.

Ficha Técnica.

2: Santa Coloma.Miquel Feixas, Ximbinha, Albert Cardona, Sebas Corso e Uri Santos, quinteto inicial, Pol Pacheco, Álex Verdejo, Thalles Lima, Maico e David Álvarez.

2: O Parrulo.Chemi, Roger Bermusell, Rubi Lemos, Isma e Miguel, quinteto inicial, Adri, Attos, Miguel Caeiro.

Goles:0-1, min 7: Rubi Lemos; 1-1, min 27: Verdejo; 2-1, min 33: Pol Pacheco e 2-2, min 35: Isma.

Árbitros.Miñao Martínez e Roupeiro Lara. Amarelas a Thalles Lima, e Maico.