«Violación é o termo que recolle Nacións Unidas e o demais é unha bobada»

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

A presidenta da asociación Clara Campoamor falou sobre a lexislación en materia de violencia de xénero e en relación coa infancia no acto institucional da Constitución

06 dic 2018 . Actualizado ás 12:55 h.

O Concello de Ferrol celebrou o 40 aniversario da Constitución cunha conferenciante de luxo: Branca Estrela Ruiz Ungo, presidenta da asociación Clara Campoamor. Nun escenario con escaso público e mesmo cunha corporación baixo mínimos, a relatora expuxo todo o traballo realizado pola entidade que preside. E fíxoo lembrando que no ano 1982 xa comezaran a pedir ao Goberno a lei de protección da infancia similar á que Clara Campoamor conseguira que aprobase o Goberno da República, «e non houbo xeito», apuntou. Continuou referíndose ás 69 emendas preparadas polo letrado ferrolán Ricardo Pérez Lama, delegado en Galicia da asociación, que presentaron no Congreso no 95, algunhas das cales non foron aceptadas. Entre elas citou o consentimento a partir dos 16 anos, sinalando que, independentemente de que ela consinta ou non, unha relación sexual dunha nena de 14 anos cun adulto é unha violación, algo que non se chegou a aprobar ata o 2015. Ese mesmo ano recolleuse que os fillos de vítimas de violencia de xénero tamén son vítimas, «porque o di a ONU e dio o Consello Europeo, pero agora seguimos loitando para que a Policía lles recolla denuncia ao fillo e á filla, que non se fai, e que a Fiscalía acuse por eles, que tampouco se fai, e que o xuíz condene pola muller, polo fillo e pola filla».

Branca Estrela Ruiz expuxo, así mesmo, a necesidade de devolver ao Código Penal a terminoloxía da violación, en lugar de «a bobada de palabrejas máis suavecitas de abuso e agresión que se inventaron progresistas entre comiñas, porque unha muller sabe diferenciar cando a golpean, que é unha agresión, ou cando a violan. Referiuse, así mesmo, á petición de permiso penal para Rosario Porto, a nai de Asunta, asegurando que a asociación tratará de impedilo por todos os medios. «Bastante cara dura ten, porque non só a asasinou, senón que a torturó durante seis meses. Para que narices adoptouna», concluíu dicindo.