Cinco alumnos de Ferrol reciben premios á excelencia de FP

C. LÓPEZ FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CEDIDA

Catro estudantes do CIFP Ferrolterra e un do IES Leixa resultaron galardoados nesta edición

02 dic 2018 . Actualizado ás 23:07 h.

Cinco estudantes de centros da comarca de Ferrol foron galardoados no certame Galicia Skills 2018 que se celebrou en Silleda, organizado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. As medallas coas que se recoñece a excelencia do alumnado de FP foron entregadas pola conselleira, Carmen Pomar, quen destacou que se trata dunha modalidade de formación de futuro, innovadora e adaptable aos cambios.

A comarca de Ferrol tivo moi bos resultados, especialmente o CIFP Ferrolterra, ao que pertencen catro dos premiados. Trátase de Christina Docal Fernández, que recibiu a medalla de prata da modalidade de pintura de automóbil; Leonardo Arturo Lanzoy Saavedra e Rafael Regueiro Carballeira, que recolleron a medalla de ouro de mecatrónica; e María Tarín Robles , que obtivo a medalla de ouro de enxeñería de deseño mecánico-CAD.

A lista de excelencia do alumnado de FP complétase con Ainhoa Cambronero Rodríguez, do IES Leixa, de Ferrol, que recibiu a medalla de prata na modalidade de coidados auxiliares de enfermería. Na competición tamén participou o IES de Ortigueira, con dous estudantes, nas seccións de carpintería e ebanistería.

Pola súa banda, o IES Fraga do Eume, de Pontedeume, foi o encargado de servir o cóctel na gala de clausura.