A fragata

Beatriz García Couce
Beatriz Couce NA BANCADA

FERROL CIDADE

22 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Durante dez anos, medio centenar de noruegueses pasaron a converterse nuns veciños máis de Ares, onde atoparon un modo de vida similar ao que levaban na súa terra. As familias, que rotaban conforme ía avanzando o programa de construción das cinco fragatas para a Armada do seu país, das que se encargaba o estaleiro ferrolán, declararon sempre sentirse moi cómodas neste pequeno municipio e marcháronse deixando atrás moitos amigos e bos recordos. A súa proximidade e os seus costumes -como a de acudir ás botaduras dos navíos ataviados cos traxes típicos da súa terra- tamén tiveron o seu sinal entre os ferroláns, traballadores da antiga Bazán e militares españois, que os trataron.

O pasado día 8, cando a cuarta fragata da serie, a Helge Ingstad, chocou cun petroleiro en augas próximas a Bergen, e cinco días despois practicamente quedou afundida, a noticia espertou sorpresa e pesar en Ferrol, a pesar de que Navantia nada tivo que ver co contratempo. Esta é unha cidade naval. Son os seus barcos. Dá igual na flota na que se integren, e por iso explícase que día a día se manteña o interese polos pasos que se están dando para intentar reflotar o buque.

As imaxes da Helge Ingstad, empurrada os remolcadores ás rocas, primeiro, escorada despois e practicamente afundida, para rematar, non deixa de levantar sentimentos entre os ferroláns, expectantes polo seu rescate.

Mentres, en poucas horas, Ferrol volverá marcar un fito na construción naval, ao botar o primeiro buque loxístico para a Armada de Australia. Outro dos barcos aos que sempre estará unido.