Pequenas e grandes firmas estirarán ata o domingo o Black Friday

FERROL CIDADE

ANGEL MANSO

Odeón, Parque Ferrol e un bo puñado de tendas da Magdalena abrirán o 25 de novembro, aínda que non todos os comercios manterán as promocións ese día

20 novs 2018 . Actualizado ás 18:10 h.

Case todo o mundo ten claro que o Black Friday celébrase este venres, 23 de novembro, pero logo, saltando de tenda en tenda, o cliente tópase coa sorpresa. E descobre que o Black Friday é como o chicle e, segundo cada caso, pode estirarse ata sete días e mesmo prolongarse máis aló dunha semana.

Basta con facer un recoñecemento polas tendas da Magdalena para comprobalo. Mentres algúns comercios xa ofrecen promocións ligadas á xornada de descontos masivos importada dos Estados Unidos, noutros establecementos os seus responsables comentan que só celebrarán o Black Friday o propio venres, pero tamén hai quen agardarán aos días previos ao fin de semana (mércores ou xoves) para pólos en marcha.

Canto tempo manteranse estes descontos? Segundo as fontes consultadas, boa parte do comercio do centro prolongaraos ata o sábado e mesmo ata o domingo. E é que o día 25 arrinca o calendario de aperturas extraordinarias da campaña do Nadal, e no barrio da Magdalena son xa un bo puñado de tendas as que anunciaron que abrirán as súas portas ese día, mantendo os descontos do Black Friday: desde grandes firmas como Adolfo Domínguez, Bimba &Lola, Tous, Roberto Verino ou Quick Silver ata pequenas tendas como Xoia 36, Só unha, Miña e Lea ou A Première (este último só pola mañá). Ademais, este domingo tambien subirán a persiana no barrio ilustrado os establecementos de Mango e Zara Home, aínda que de momento non transcendeu se ofrecerán promocións especiais ese día.

Os pequenos comerciantes do centro só agardan agora que o esforzo de abrir en domingo valla a pena. E por iso miran ao ceo e cruzan os dedos. «Se fai bo pódenos ir ben, pero se fai malo estaremos perdidos, porque sendo domingo e con choiva a xente escaparase ao centro comercial», vaticina David Saído, de Xoia 36.

Chova ou non chova, onde si se agarda unha boa avalancha de visitantes a próxima fin de semana é no centro comercial Odeón, sobre todo tendo o conta que as grandes cadeas do xigante da Gándara non poderán abrir este venres, cando se celebra o Black Friday, debido á coincidencia co festivo local do 23 de novembro, Día de Narón.

Recuperar a actividade

O centro comercial naronés recuperará a actividade o sábado e o domingo, cando moitos establecementos seguirán ofrecendo descontos especiais ligados ao Black Friday, aínda que non todos. Por exemplo, en Pull & Bear, unha das firmas do grupo Inditex, poderanse atopar algunhas «promocións de fin de semana» tanto o sábado como o domingo, pero non os grandes descontos do Black Friday.

E mentres na Gándara agárdase unha gran afluencia de público a próxima fin de semana, un tanto do mesmo agardan en Parque Ferrol, onde o Black Friday comeza xa este mércores nalgúns establecementos con descontos de ata o 50%. Do mesmo xeito que en Odeón, os comercios deste centro comercial abrirán este domingo para inaugurar a campaña do Nadal.

Unha xornada na que se multiplican as vendas 

O pequeno comercio do centro confía en que o Black Friday sirva de revulsivo para incentivar as vendas despois dun mes de novembro que a maioría cualifica como « moi frouxo». «Ese día vendemos moitísimo, é verdade, ata se poden chegar a multiplicar por dez as vendas, pero é que durante estas últimas semanas non vendemos nada de nada. A xente hase contido moito á espera de que chegue o Black Friday», explica unha comerciante da rúa Real.

A perspectiva é diferente para as grandes firmas asentadas na Magdalena, que, á espera da chegada do famoso venres negro, puideron ir «contentando» á súa clientela con promocións e descontos puntuais, polo que as súas vendas non se resentiron tanto este mes. E é que, como di outra comerciante do centro, «aquí ninguén abre a carteira se non é con desconto». En canto ás promocións previstas, son moi variadas, aínda que na maioría das casos oscilan entre o 10 % e o 30 %.

Actividades paralelas

Coincidindo coa xornada do Black Friday, o Centro Comercial A Magdalena organizou unha serie de actividades paralelas co obxectivo de dinamizar as rúas e animar á xente a aproveitarse dos descontos nas tendas do centro histórico. O programa para este venres inclúe unha visita guiada pola Ruta do Modernismo (de 17.00 a 18.30, con saída do Jofre e para a que é necesario apuntarse chamando ao número de teléfono 981364036), así como pasacalles musicais a cargo da charanga Santa Compaña, A Banda do Cariño e Discalz\s.