A tromba de auga alaga rúas de todos os barrios de Ferrol

A. U., B. A. FERROL

FERROL CIDADE

Desde a estrada da Trincheira ao Cantón, hai decenas de vías alagadas de auga, aínda que ningún accidente

06 novs 2018 . Actualizado ás 20:49 h.

A tromba de auga que caeu en Ferrol a media tarde -e que aínda continúa- alagou a cidade. O túnel da praza de España, a estrada da Trincheira, a avenida do Mar e a das Pías, Esteiro, o Cantón e a zona da parada de taxis do Inferniño, entre outros lugares, convertéronse en piscinas polos que as que os coches pasan case con dificultade. A Policía Local asegura que non se produciron accidentes importantes, pero recomenda moita precaución.

Ferrolterra xa empezou a notar os efectos da potente borrasca que afectou á zona durante todo este martes e que se prevé tamén mañá. Segundo os avisos de Meteogalicia, activouse a alerta amarela por acumulacións de choiva superiores aos 40 litros por metro cadrado, que se estenderá ata a medianoite. A hora máis complicada estaba prevista a partir das tres da tarde, cando na provincia da Coruña poderían caer en só unha hora ata 15 litros por metro cadrado. Tamén a partir das 15.00 horas activouse no noroeste da Coruña a alerta laranxa por ventos superiores aos 100 quilómetros por hora.

Entre as incidencias rexistradas durante o día houbo caídas de árbores en estradas de Cabanas, Fene e Mugardos; a derriba dun muro na localidade mugardesa ou o desprendemento de elementos de dúas fachadas en Ferrol, segundo informan o GES de Mugardos, os Bombeiros e a Policía Local de Ferrol, a Policía Local de Fene, os Bombeiros do Eume e Protección Civil de Cedeira. O vento tirou colectores de lixo en varias localidades

No faro de Punta Candieira, en Cedeira, acadáronse refachos de vento de 132,8 quilómetros por hora; e en Estaca de Bares excedéronse os 120. Na estación da Faladoira, en Ortigueira, caeron 63 litros de auga por metro cadrado na madrugada do domingo ao luns, o maior rexistro de toda Galicia.

Ante esta complicada situación meteorolóxica, a Consellería de Educación suspende esta tarde as actividades no exterior nos centros educativos de Cabanas, Fene, Mugardos, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Ares, Cariño, Cedeira, Ferrol, Mañón, Moeche, Narón e Valdoviño.

Así mesmo, os concellos de Ferrol e Narón suspenden tamén as actividades ao aire libre e pecharán as instalacións municipais desde as doce do mediodía ata as doce da noite. 

O goberno ferrolán informa de que se reforzaron as quendas de bombeiros e policía local para atender as posibles incidencias. Ademais, recoméndase á cidadanía non achegarse ás praias, portos e zonas de costa.