Descende o número de accidentes de tráfico e de feridos, e aumentan os sinistros mortais

ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

CEDIDA

O 061 atendeu a 429 lesionados en sinistros ata outubro, un 7 % menos que en 2017; e baixaron as urxencias e os ingresos por tráfico no Arquitecto Marcide

03 novs 2018 . Actualizado ás 13:39 h.

O número de persoas falecidas en accidentes de tráfico aumentou no que vai de ano nas estradas de Ferrolterra, Ortegal e Eume -só entre o 23 de setembro e o 13 de outubro pereceron sete persoas en sinistros ocorridos na comarca-, segundo constataba recentemente o xefe do Destacamento de Tráfico de Ferrol, Francisco Javier López Dopico. Con todo, os datos da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 apuntan a un descenso na cifra de sinistros e no número de feridos. As estatísticas do servizo de urxencias do Hospital Arquitecto Marcide corroboran esta diminución, que tamén se dá nos ingresos motivados por accidentes de tráfico.

En cantos accidentes e a cantas persoas asistiu o 061 na zona?

Nos primeiros nove meses deste ano, o persoal do 061 prestou asistencia en 341 accidentes de tráfico e atendeu a 429 persoas feridas. En todo o exercicio 2017 acudiu a 481 sinistros, con 618 lesionados. A media por trimestre reduciuse este ano, nun 5,53 % na cifra de accidentes e nun 7,4 % na de feridos.

Cales son os municipios con maior sinistralidade viaria?

De acordo cos datos de Urxencias Sanitarias (que cobren a maior parte dos sinistros con lesionados), ata o 30 de setembro deste ano Ferrol situábase na cabeza, con 132 accidentes e 158 feridos; seguido de Narón, con 65 e 88, respectivamente; As Pontes, con 24 e 29; Valdoviño, con 23 e 30; Fene, con 17 e 21; Ortigueira, con 12 e 14; e Cabanas, con 11 e 12. A continuación aparecen Pontedeume, con 8 sinistros e 10 lesionados; San Sadurniño, con 8 e 8; Ares, con 7 e 9; Neda, con 6 e 8; Cedeira, con 5 e 9; Mugardos, con 4 e 7; A Capela e As Somozas, con 4 e 6; Cariño, con 4 e 4; Monfero, con 3 e 6; Moeche, con 2 e 2; e Cerdido e Mañón, con 1 e 1. O 061 recolle dous falecidos neste período, en Narón e Moeche.

Como se distribuíron os tráficos o ano pasado nas tres comarcas?

Dos 481 accidentes nos que interveu o 061 en todo o ano 2017, 170 ocorreron en Ferrol, cun terzo dos feridos (209 do total de 618). A repartición foi similar ao dos tres primeiros trimestres de 2018. Narón ocupou o segundo lugar, con 97 sinistros e 129 lesionados; e despois colocáronse Fene, con 41 e 50; Pontedeume, con 22 e 30; Valdoviño, con 20 e 40; Ortigueira, con 20 e 22; Cabanas, con 19 e 24; Cedeira, con 15 e 17; e San Sadurniño, con 15 e 16, con distancia sobre o resto. Pereceron dúas persoas en Ortigueira e unha en Ferrol, Fene, Cabanas, Cariño e Cedeira.

Cantos feridos en sinistros ingresan en urxencias no Marcide?

O servizo de urxencias do Hospital Arquitecto Marcide atendeu a 522 feridos en accidentes de tráfico entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro deste ano, o que representa o 1,13 % sobre o total de persoas que acudiron ao centro por esta vía. No mesmo período de 2017, foran 622, o que equivalía ao 1,30 % do global. Os ingresos hospitalarios por sinistros en viarios coinciden en número (36) e en porcentaxe (0,45 %). En todo 2017 foron 785 os lesionados por esta causa asistidos neste servizo e 44 os ingresos no centro.

Cales son as causas das diferenzas entre uns municipios e outros?

A poboación e a maior actividade explican, polo menos en parte, que Ferrol e Narón concentren máis da metade dos accidentes (a maioría en vías de tipoloxía urbana) contabilizados polo 061 nas tres comarcas ata outubro deste ano e durante todo 2017. Tamén pode servir no caso de Fene ou As Pontes.

Que pasa en Valdoviño, Ortigueira, Cabanas ou Cedeira, con cifras altas?

O maior problema dáse en estradas secundarias, como indicaba hai pouco o xefe do Destacamento de Tráfico, que apuntaba á AC-862, de Ferrolterra a Ortegal, como unha das máis conflitivas, a pesar de que o volume circulatorio é menor que na N-651 (Ferrol-Betanzos), onde se eliminou o único punto negro (oficial) da zona, nas curvas de Santa Ana (Fene). Na AC-566, de Ferrol a Cedeira, o número de vehículos multiplícase no verán e outros períodos. Tanto nesta como na AC- 862 predominan as curvas e escasean os tramos para adiantar.