«Estou encantado, este primeiro ano superamos as expectativas, sobre todo polos peregrinos»

A. F. C. PONTEDEUME

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

Xulio Tenreiro abriu fai un ano a Pensión Casa Apilladeira, no centro histórico e na ruta do Camiño Inglés

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Xulio Tenreiro, eumés de 52 anos, levaba tempo dándolle voltas ao proxecto de abrir unha hospedaxe. «Roldábame a idea a cabeza e agora xa case estou arrepentido de non facelo antes», admite. Hai un ano abriu a Pensión Casa Apilladeira, na rúa Pescadería, en pleno centro histórico, onde tamén rexenta desde hai anos unha cafetería.

-Como ha ir este primeiro ano de traballo na pensión?

-Estou encantado, non me agardaba tanta afluencia de peregrinos, este primeiro ano ha superado con moito as expectativas que tiña ao principio, sobre todo pola xente que fai o Camiño Inglés (desde Ferrol ata Santiago de Compostela).

-A maior afluencia rexistrouse durante o verán.

-Si, pero hai peregrinos todo o ano, mesmo algún nos meses de xaneiro e febreiro. Co Camiño Inglés traballas moi ben, case a diario, a partir de abril. No verán houbo moitos días que tiven que dicirlles a moitos que non había cuarto; algúns chamaban ás dez da noite, desesperados, en busca de calquera sitio onde poder durmir. Agora xa me van coñecendo, chámanche de axencias de viaxes e cada vez hai máis movemento.

-Con cantas prazas conta na pensión?

-Teño catro cuartos dobres e un apartamento para cinco persoas. É a casa onde nacín, a típica casa de pedra de Pontedeume, estrechita, con dous cuartos por planta. Restaureina para facer a pensión e o Camiño Inglés pasa xusto por diante.

-Cal é o perfil maioritario do peregrino que se hospeda en casa Apilladeira?

-Basicamente, xente de certa idade e con máis poder adquisitivo, que non quere compartir o baño... Pero tamén hai algunha xente nova. A maioría, sobre un 70 %, son estranxeiros e fan unha noite. Pero algún queda un par de días para facer turismo ou toma a casa como base, vai facendo etapas e ao acabar colle un taxi e volve para durmir aquí. Moitos son veteranos do Camiño, repiten o Inglés ou xa fixeron todos os demais.

-Cre que este fenómeno pode ir a máis en próximos anos?

-Si, vai a máis porque o Camiño Francés está saturado e a xente quere probar outras rutas.

-Pero no verán terá tido outro tipo de clientela...

-Si, xente nova, case toda atraída polas Fragas do Eume, e tamén o clásico turismo familiar.