Os xardíns de Ferrol quedan sen flores

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

A falta de contrato do servizo de mantemento das zonas verdes derivou en que desde o inverno non se realizasen as habituais plantacións de tempada

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os xardíns de Ferrol están mustios e sen a vida que lles daban as flores que se plantaban cada tempada. E é que desde o pasado inverno non houbo reposición de plantas, xa que o labor do persoal da UTE San José O Ejidillo limítase a airear a terra, retirar as follas secas, segar o céspede e podar as árbores. A última plantación de flores de tempada realizouse en xaneiro deste ano e xa non houbo máis, polo que a maioría dos espazos que estaban reservados para estes exemplares permanecen limpos, pero baleiros. Pódense ver en distintos puntos, como a mediana da avenida de Esteiro, na que onte traballaban operarios removendo a terra; a rotonda do entroncamento da estrada de Santa Mariña coa de Catabois, a zona verde situada ao lado do edificio da Xunta na praza de España, a glorieta do Jofre, os maceteros situados nalgunhas rúas e moitos máis lugares nos que cada tempada se chegaban a colocar máis de 20.000 plantas.

O contorno axardinado da praza de Armas é outro claro exemplo, con exemplares aos que lle pasou o tempo de vida útil e desbordáronse ao alto e ao ancho.

O problema radica en que as plantacións de tempada figuraban no contrato de mantemento de xardíns e zonas verdes, e agora non o hai. A última prórroga do subscrito coa UTE San José-O Ejidillo, que fora aprobada polo Concello de Ferrol en 2016, venceu o día 4 de decembro do ano pasado. Os 30 operarios da empresa seguen traballando, pero na súa tarefa non se inclúe a renovación das plantas de tempada.

Desde que venceu o contrato, o Concello de Ferrol ten que acudir á vía da aprobación extraxudicial de créditos por parte do pleno para abonar as facturas da compaña, por un montante mensual de preto de 96.000 euros.

A primeira tentativa do goberno ferrolán de sacar adiante un novo concurso non chegou ata sete meses despois. Concretamente, o 19 de xullo remitiu aos grupos municipais o borrador do prego de cláusulas técnicas, que se incluíu na comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras e Seguridade do 1 de agosto para que a oposición fixese as súas achegas ao documento. No entanto, ante as queixas do grupo municipal do PP porque non se incluía nin o orzamento de licitación nin a duración do contrato, o concelleiro delegado da área, Luis Victoria , decidiu retiralo da orde do día, ademais de comprometerse a achegar unha copia máis clara das táboas, porque a que figuraba no borrador non se vía ben, e esa copia non chegou aos grupos ata o pasado 13 de setembro.

Polo momento descoñécese cando ten previsto o goberno levar de novo a comisión o borrador dos pregos para a nova contratación, da que se segue con coñecer o importe e a duración, cuestión que o equipo do alcalde hase encargado de aclarar sinalando que, segundo a nova lei, non ten que figurar nos pregos técnicos.

Mentres tanto, os xardíns de Ferrol seguen languidecendo sen flores e os traballadores da UTE San José O Ejidillo sen coñecer se o seu futuro laboral terá continuidade.