Unha institución pública que presta acollida a 23 menores atendidos por educadores

La Voz

FERROL CIDADE

Cada neno do centro ten asignado a un titor

15 mares 2018 . Actualizado ás 09:54 h.

Otmane Chahed é un dos vinte e tres rapaces que nestes momentos viven no Centro de Menores Ferrol I, o único dependente da Xunta que funciona na cidade. De todos eses raparigos, só tres son estranxeiros -de Marrocos e Senegal-, mentres que o resto contan coa nacionalidade española, aínda que algúns teñen orixes en Latinoamérica ou Europa do leste.

Fóra dos estranxeiros -que se atopan sos en España- , o resto dos rapaces teñen familia, pero foron acollidos no centro de forma temporal por diversos motivos. «Algúns proceden de contornas pouco seguros e outros proveñen de familias que por circunstancias da vida hanse visto desbordadas e non poden ocuparse deles nestes momentos», explica a directora, Otilia Baltar, á que todos coñecen familiarmente como Oti.

Un titor para cada neno

No Centro de Menores Ferrol I, eses vinte e tres raparigos son atendidos por un persoal de vinte e un educadores -todos eles titulados en Psicoloxía, Pedagoxía ou Educación Social-, que fan quendas de mañá, tarde e noite para que na institución sempre haxa persoal «as 24 horas do día e os 365 días ao ano». Cada neno ten asignado un titor, que é un dos educadores, e ademais de contar co apoio destes profesionais nos seus estudos e vida diaria, nos casos que así o requiren hai rapaces que tamén reciben atención especializada da man dos terapeutas do Programa de intervención de menores vítimas de abuso sexual da Xunta e do Programa de intervención familiar con menores en situación de risco e desamparo da Universidade da Coruña (UDC).